O xeodestino confórmano os concellos da Cañiza, A Guarda, Arbo, As Neves, Baiona, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Ponteareas, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Tomiño, Tui e Vigo.

Samil, O Vao, Patos, Praia América... A marxe sur da ría de Vigo é unha sucesión de grandes praias de area dourada e de recolectos portos como Canido ou Panxón. E gardando a entrada da ría, fronte á moderna e emprendedora cidade de Vigo, o paraíso das Illas Cíes.

Baiona foi o primeiro porto de Europa que recibiu a noticia do Descubrimento de América, o que se celebra por todo o alto na "Festa da Arribada". Co seu animado centro histórico, a súa marabillosa baía e os seus clubs náuticos, aquí as vacacións desfrútanse durante todo o ano.

Situada na fronteira con Portugal e en medio dunha espléndida paisaxe natural na beira do Miño, Tui é unha cidade monumental erixida torno a unha catedral amurallada. Moi preto, o parque natural do Monte Aloia.

Terra dentro non hai que esquecer Mondariz, vila termal por excelencia, cun espléndido balneario e campo de golf. Ademais, O Rosal, un fértil va de kiwis, flores e viñedos da D.O. Rías Baixas. E A Guarda, famosa pola súa lagosta e polo impoñente castro do Monte Tegra.

Patrimonio

Tres núcleos de poboación deixan a súa pegada neste territorio. Vigo, a gran urbe galega, co mercado da Pedra onde degustar as afamadas ostras ou as vistas desde o Monte do Castro entre todos os atractivos que ofrece esta cidade cosmopolita. Baiona, centro turístico con tranquilas praias, portos deportivos e parador de turismo. E Tui, coa súa catedral convertida en fortaleza e o labirinto das súas rúas medievais. Tamén é de xustiza sinalar dous grandes castelos, o de Soutomaior e o de Vilasobroso (Ponteareas), cargados de historia.

Entre os Bens de Interese Cultural deste xeodestino fai falta destacar elementos da arte rupestre e prehistórica como os gravados do Castro de Santa Tegra, o xacemento paleolítico das Gándaras de Budiño no Porriño; elementos da arquitectura civil como o Pazo de Cadaval en Nigrán ou os conxuntos históricos da cidade de Tui e da de Baiona; elementos da arquitectura relixiosa como o convento de Santa María de Oia ou o convento de San Domingos de Tui, ou da arquitectura fortificada como o castelo de Soutomaior ou o recinto amurallado de Salvaterra de Miño.

Espazos naturais

Todo o suroeste da provincia de Pontevedra define un xeodestino conformado por tres elementos: unha liña de costa, un río fronteirizo e varios agrupamentos de montañas no interior.

A liña de costa ten, á súa vez, dúas partes. A primeira, acomodada, tranquila, baixa, repousada; é o interior da ría de Vigo desde a histórica ponte de Soutomaior ata deixar atrás a enseada de Baiona coas Illas Estelas (Rede Natura). A segunda, cando de súpeto vira cara ao sur, abrupta, moi batida polo Atlántico, con portos minúsculos excepto o da Guarda, ao pé do monte Santa Tegra e o seu poboado castrexo.

O río é o Miño na súa parte final, Lugar de Importancia Comunitaria, que une Galicia con Portugal e que morre nun esteiro ancho e espectacular, tras deixar atrás localidades históricas e fortificadas como Salvaterra de Miño e Tui, así como unha franxa de viñedos dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas. Tamén o río Tea e o esteiro do río Miñor na Ramallosa xunto coa enseada de San Simón, son augas dentro da Rede Natura.

E os montes marcan o territorio dunha e doutro. De escasa altura e vellos, algún como o Aloia foi declarado Parque Natural. A serra da Groba pasa por ser unha das máis salvaxes da provincia.

 

Festas e gastronomía

No capítulo de festas de Interese Turístico de Galicia pide ocupar o seu lugar a da Ostra en Arcade, pertencente ao concello de Soutomaior e en Arbo celébrase a Festa da Lamprea. Hai que destacar o Corpus Christi de Ponteareas, que desde 2009 ten a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional. Tamén se recoñece o Corpus Christi de Redondela pero neste caso como Festa de Interese Turístico de Galicia.
 
Na Cañiza celébrase a Romaría da Virxe da Franqueira. No xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño hai tamén unha festa que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico Nacional: a Festa da Arribada da Carabela Pinta de Baiona.

DESTACADO: A mellor praia do mundo

O areal de Rodas é, segundo o diario The Guardian, a mellor praia do mundo. Integradas no Parque Nacional das Illas Atlánticas -que comprende Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada-, as Illas Cíes son o paraíso de augas turquesa e area branca da costa galega. O acceso ás illas está limitado a 2.200 persoas ao día e existen carreiros que conducen a cada un dos seus tres faros. Están comunicadas por un servizo regular de transporte marítimo de pasaxeiros desde os portos de Vigo, Baiona e Cangas.

Nas Cíes habita a colonia máis grande do mundo de gaivotas patiamarillas e a zona submarina que rodea as illas constitúe un dos ecosistemas máis ricos da costa de Galicia, destacando o seu frondoso bosque de algas pardas. 

Arriba