Os aloxamentos, excepto as vivendas de uso turístico, e as axencias de viaxe poden solicitar a súa adhesión ao programa #QuedamosEnGalicia, cubrindo a correspondente solicitude e presentándoa a través da Sede electrónica.

A adhesión de establecementos turísticos ao programa Bono Turístico está regulada pola Resolución de 30 de xuño de 2020 pola que se determinan as condicións de adhesión ao programa Bono Turístico, e se abre o prazo para a presentación das solicitudes de participación, que pode consultar aquí, e no que se identifican os seguintes requirimentos:

  • Poderán solicitar a súa adhesión, aquelas empresas, empresarios ou agrupacións empresariais que dispoñan de aloxamentos, excepto as vivendas de uso turístico, e tamén as axencias de viaxe que, con independencia do lugar en que radique a súa sede social, desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado a Galicia e presten os servizos, actividades ou produtos vinculados a este programa  na Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Todas as estas empresas deberán estar dadas de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) no momento da publicación desta convocatoria e dispor de TPVs con número de comercio que os identifiquen no servizo de pagos, para a execución das correspondentes operacións de pago efectuadas coas tarxetas Bono Turístico.

E, por outra banda, un establecemento adherido debe garantir o cumprimento das seguintes condicións na prestación dos servizos ou produtos:

  • Cumprimentos das medidas de prevención de riscos sanitarios e laborais establecidas pola Autoridade Sanitaria, Laboral ou Turística para a prevención de contaxios derivados da COVID19
  • Dispor dunha Terminal Punto de Venda (TPV) para a realización da transacción de compra do servizo ou actividade turística a través da tarxeta moedeiro “Bono Turístico #QuedamosenGalicia”. Aos efectos da validación da TPV, o establecemento adherido deberá facilitar o número/s de comercio de que dispoña á entidade bancaria
  • Ofrecer un desconto mínimo do 15% sobre o prezo ordinario do servicio. Porén, o establecemento adherido poderá optar por entregar ao beneficiario do servizo, actividade ou produto turístico un agasallo ou servicio complementario, polo valor equivalente ao dito 15%

Unha vez coñecidas estas obrigas e requirimentos, así coma o resto da información de interese recollida na Resolución nomeada anteriormente, poderá iniciar o proceso de adhesión facendo clic aquí. Unha vez que presente a declaración confirmaráselle a súa adhesión ou, se se detectara un incumprimento das condicións, o seu rexeitamento mediante a correspondente notificación electrónica. Se este último fora o caso, lembre que pode facer as correspondentes reclamacións a través dos modelos xenéricos dispoñibles na Sede electrónica.

Os establecementos adheridos poderán publicar ofertas e promocións, así como paquetes turísticos (neste caso só as axencias de viaxe), personalizadas para a campaña Bono Turístico #QuedamosEnGalicia, entrando na extranet sectorial Turespazo. Se non está rexistrado deberá facelo previamente para poder acceder a Turespazo. Unha vez sexa aceptado e notificado como establecemento adherido, como consecuencia da solicitude feita a través da Sede Electrónica,  poderá acceder directamente ao servizo de edición e publicación de ofertas e paquetes turísticos personalizados para o Bono Turístico.

Arriba