É unha iniciativa encadrada no “Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19” que ten entre os seus obxectivos inxectar liquidez nas empresas desta industria, fomentar o turismo interno, incentivar o consumo e impulsar a recuperación da economía e do tecido empresarial galego.

O Bono Turístico farase efectivo a través da entrega aos beneficiarios dunha tarxeta prepago de Abanca cun importe de 250 euros que poderán empregar nos establecementos ou produtos turísticos adheridos a este programa ata o 13 de decembro de 2020.(Nota: Amplíase ata o 31 de maio 2021 o prazo de duración do programa do bono turístico)

Poderán solicitar o  Bono Turístico preto de 20.000 profesionais dos eidos sanitario e sociosanitario dun xeito totalmente voluntario. Entre as opcións ofertadas no marco deste programa destacan produtos turísticos ou experiencias que deberán ofrecer un desconto mínimo do 15% sobre o prezo ordinario do servizo e cumprir coas medidas hixiénico-sanitarias adecuadas para garantir a máxima seguridade para traballadores e usuarios.
 

Entidades promotoras e colaboradoras no Bono Turístico
 

A iniciativa está promovida pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Axencia Turismo de Galicia e conta coa participación do Clúster do Turismo de Galicia, como representante das empresas do sector, e  Abanca, como entidade colaboradora na instrumentación da axuda económica ás persoas beneficiarias do programa.
 

Como vai funcionar o Bono Turístico?
 

  • Desde o punto de vista da adhesión dos establecementos, serán as persoas propietarias dos mesmos quen, a través da Sede electrónica amosen o seu interese por participar, mediante a correspondente solicitude, e asumir as obrigas e requirimentos do mesmo. Entre estas, a máis relevante será a de ofrecer, como mínimo, un 15% de desconto nos prezos do produto ou servizo turístico. Unha vez adheridas poderán xerar ofertas ou paquetes turísticos (só no caso das axencias de viaxe) personalizadas para o programa. 
     
  • Desde o punto de vista das persoas beneficiarias, unha vez aberto o prazo, para poder participar, deberán presentar, a través da Sede electrónica unha declaración de solicitude, cuxos datos serán verificados para comprobar que a persoa solicitante cumpre cos requirimentos. Esta adhesión garante dispoñer dunha tarxeta Abanca, cun saldo de 250€, para poder adquirir servizos ou produtos turísticos que oferten as empresas adheridas. As persoas beneficiarias poderán utilizar o saldo da súa tarxeta de forma total ou parcial, así como completar os pagos, de non ter saldo suficiente, con outras formas de pago admitidas polo establecemento turístico.

 

Arriba