IGREXA PARROQUIAL DE SANTA MARIÑA DE SUCASTRO

Relixioso
722
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Sucastro (Santa Mariña)

Lugar: Sucastro

27569  Monterroso - Lugo

Coordenadas:
42º 45' 47.9" N - 7º 48' 46.0" W

Descrición

Igrexa de estilo románico da segunda metade do século XII. A ábsida e a nave son rectangulares. A ábsida loce seteiras a cada lado, con derramamento interior abucinado en arco de medio punto. Presenta canzorros lisos sobre os que descansa o beirado do muro norte e algúns dos máis inmediatos ao presbiterio. A cuberta é de tella a dúas augas e está fabricada con perpiaños de granito fundamentalmente. 
Presenta porta con arco de medio punto cara ao interior e tímpano alintelado sostido por mochetas no muro sur. 
A ventá seteira da ábsida, agora tapiada, posúe arquivolta de medio punto con moldura tórica e arco biselado con disposición de axadrezado. Apoiase en imposta e columnas de fustes monolíticos con bases áticas. Os capiteis decóranse con animais.
No interior da igrexa hai dúas sepulturas con escudos nobiliarios de datas moi posteriores ao románico. Posúen as insignias dos Taboada, Ulloa, Noguerol, etc. 
No interior destaca un banco de pedra corrido, embebido na parede. O arco triunfal posúe dobre arquivolta con arco biselado e con axadrezado. 
O frontis remata nunha espadana dun só van.

Acceso

Dende Monterroso tomar dirección Taboada. A 3,9 km tomar pista á dereita. A 300 m tomar pista á dereita e a 100 m está a igrexa.

Camiños de Santiago

Camiño Francés
Arriba
Axúdanos a mellorar!