CASTELO DE ANDRADE OU NOGUEIROSA

Civil
4144
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Nogueirosa (San Cosme)

Lugar: O Castelo

15608  Pontedeume - A Coruña

Coordenadas:
43º 23' 29.9" N - 8º 08' 07.9" W

Descrición

O castelo de Andrade ou Nogueirosa, é un fito medieval que constitúe todo un símbolo da memoria histórica de Pontedeume. (…) Nuno Freire de Andrade pasou á historia co alcume de “O Mao”, debido á dureza coa que gobernou os seus territorios e desencadeou as Revoltas Irmandiñas no século XV. (…) Na simboloxía dos Andrade aparecen o oso e o xabarín, os seus animais totémicos e que na actualidade se poden visitar no antigo claustro do Convento dos Agostiños; así mesmo, aparecen representados no escudo de armas da vila. 
O castelo de Andrade, comezou a ser construído a principios do 1369 por Fernán Pérez de Andrade, O Boo. Non foi lugar de residencia senón unha fortaleza defensiva, habitada por unha pequena guarnición de cincuenta homes en tempos de paz ao mando dun alcaide. Símbolo do poder feudal, sufriu a rabia dos Irmandiños e posteriormente en 1480 os Reis Católicos, dispostos a rematar cos abusos da nobreza envían a Fernando de Acuña, Gobernador do Reino de Galicia, un decreto para derribar todas aquelas fortalezas e casas que eran “dañosas a la casa pública de dicho reino… las tomedes e derribedes..”. Diego de Andrade, fillo de Nuno, mostrouse fiel aos Reis Católicos, evitando o seu derrube. O castelo deixou de estar habitado en 1492, trala morte de Diego. Reedificado no 1929, pasou a mans da Casa de Alba. 
Dende o punto de vista da arquitectura, o castelo está formado por unha torre da homenaxe (perfectamente conservada), o patio de armas e un recinto fortificado con porta de acceso e rodeado de foxo.  A torre ten vinte metros de altura e cada unha das súas esquinas coincide cun punto cardinal polo que hai estudos que falan de que tamén realizaba funcións de reloxo de sol, dependendo da súa posición en cada momento. No seu interior, polos ocos das vigas, dedúcese que contaba con varios andares destinados a calabozo, corpo de garda e cuarto do alcaide. O superior cúbrese con bóveda de medio canón apuntado con tres arcos faixóns de perfil trapezoidal. Conserva a plataforma no exterior rodeada de ameas e matacáns.

Camiños de Santiago

Camiño Inglés

Declaración

Ben de Interese Cultural
Patrimonio cultural Civil Castelo, torre, fortaleza
Arriba
Axúdanos a mellorar!