PR-G 124 RUTA DA AUGA, FONTE E LAVADOIROS DE PARADA

Sendeirismo
2183
No Camiño de Santiago

Localización

Silleda - Pontevedra

Coordenadas:
42º 37' 20.7" N - 8º 13' 30.9" W

Descrición

O conxunto de fontes e lavadoiros, rehabilitados na súa totalidade, dálle sentido a esta ruta circular que convida ao sendeirista a recrearse nunha típica paisaxe da Galicia rural, onde non faltan grandes pradarías verdes, casas de labranza e pequenas explotacións gandeiras. Así mesmo, é un claro exemplo da transcendencia que tivo a auga na vida cotiá desta parroquia de Silleda, igual ca noutras zonas do noso territorio.
O panel de inicio desta ruta atópase na Fonte dos Buxos, onde podemos aproveitar para coller auga para o resto do camiño. É importante salientar que a auga é potable en todas as fontes deste percorrido, e que en case todas elas os veciños da zona deixan vasos e cuncas para que o camiñante poida beber con maior comodidade.
A ruta ascende por unha estrada cara ao Lavadoiro e Fonte do Barro, lugar de concentración dos rabaños de ovellas que noutros tempos subían a pastar nos montes máis próximos.
Dende aquí, o sendeiro lévanos a visitar outros lugares recuperados, como Fonte do Piollo e os Lavadoiros de Parada e de Outeiro.
Tras deixarmos Parada, e seguindo unha pista forestal, chegamos á Fonte do Rego do Foxo, onde outrora se deixaba o liño a amolecer utilizando os pozos existentes.
A Fonte de Redemuiños é a última parada antes de regresarmos ao punto de partida do camiño.

Acceso

Na AP-53, que une Santiago de Compostela con Ourense, coller a saída 46 en dirección a Silleda e na primeira rotonda dirixirse en dirección a Laroá pola estrada PO-534, ata se desviar na indicación de Parada de Cameixa.

Camiños de Santiago

Camiño de Inverno
Vía da Prata

Un plus

LAVADOIROS

Son unha construción pensada como un servizo público e que, aínda que deixaron de ser utilizados, seguen a ser unha manifestación da arte popular galega. Neles lavábase a roupa a man enriba dunha táboa ou pedra lisa que tamén recibía este mesmo nome.
En moitas vilas e localidades de Galicia aínda se acorda ás mulleres que mañá e tarde se concentraban nestes lugares, sede de reunión sociais onde afloraban contos e rexoubas sobre a vida na veciñanza.

Lonxitude

6,7 km.

Punto de partida/chegada

Fonte dos Buxos de Parada de Cameixa (Silleda) - UTM:29T X:563528 Y:4719178

Percorrido

Fonte dos Buxos, Lavadoiro e Fonte do Barro, Lavadoiro de Parada, Lavadoiro e Fonte de Outeiro, Fonte do Rego do Foxo, Fonte de Redemuiños, Fonte dos Buxos.

Dificultade

Baixa

Duración

2 horas.

Servizos

Auga potable en todas as fontes. Fóra da ruta,en Silleda.

M.I.D.E.

Esforzo M.I.D.E.:
Itinerario M.I.D.E.:
Desplazamento M.I.D.E.:
Medio M.I.D.E.:

Acceso en bicicleta

Apto parcialmente

Acceso a cabalo

Apto parcialmente

Cartografía I.G.N. (1:25:000)

153-II Forcarei.

Máis información

Concello de Silleda
Tel.: 986 580 000
info@concellodesilleda.com
www.silleda.es

Federación Galega de Montañismo
Tel.: 986 208 758 / Fax: 986 207 407
sendeirismofgm@yahoo.es
www.fgmontanismo.com

Tipo de percorrido

Pequeno percorrido

Interese

Etnografía
Interese paisaxístico

Plano

Data de recollida inicial: 01/08/2019
Arriba
Axúdanos a mellorar!