IGREXA MONACAL DE SANTA COMBA DE BANDE

Relixioso
7556

Localización

Parroquia: Santa Comba (San Trocado)

Lugar: Santa Comba

32846  Bande - Ourense

Coordenadas:
41º 58' 23.1" N - 8º 00' 07.4" W

Descrición

Datada no s.VII, é a única construción que se conserva dun antigo mosteiro, sendo declarada Monumento Histórico Artístico en 1921. De reducidas dimensións, o exterior caracterízase polo sabio xogo de volumes. Presenta unha planta de cruz grega, precedida dun pórtico aos lados do cal se dispoñían dúas estanzas. O mesmo sucede nos ángulos da cruz, polo que no seu trazado exterior, a igrexa aparece como un gran rectángulo do que tan só sobresae unha ábsida de planta rectangular. O interior, dunha grande austeridade, está totalmente abovedado, a excepción das estanzas laterais que presentan teitume de madeira. Sobre o cadrado do cruceiro álzase un cimborrio cuberto por bóveda de aresta, construída en ladrillo. A ábsida que posúe a bóveda de canón, arranca cun friso decorado e presenta unha fermosa celosía de mármore calado. Consérvanse da época visigoda: arco de ferradura marcando a ábsida e outros catro arcos de ferradura no arranque das bóvedas de canón (parecen de medio punto porque o motivo sogueado ocúltaos). Atopámonos elementos alleos ao plan visigodo, non só referidos á restauración do s.IX, senón tamén materiais da etapa romana reutilizados: dúas das columnas do altar, a lousa de mármore da mesa do altar, dúas aras, un miliario reconvertido en pila bautismal, etc.
 
Decorada con pinturas do século XVI . No testeiro represéntase a escena da Anunciación da Virxe, co anxo Gabriel, a pomba do Espírito Santo e unha figura cunha casulla, posiblemente S. Martín.  Na bóveda Deus Pai co seu Fillo crucificado en brazos e os catro evanxelistas cos seus símbolos. No intradós o sol e a lúa sobre fondo estrelado. Tamén aparecen pintadas palmas e ácimos na bóveda e no intradós.
 
Na capela da dereita atopámonos o sarcófago de San Torcuato, un dos primeiros discípulos do Apóstolo Santiago. Os seus restos estiveron no mesmo ata o século X, cando foron levados ao Mosteiro de San Salvador de Celanova. O sepulcro aparece moi desgastado porque os devotos raspábano, para levar o po do mesmo como reliquia.
Fóra do muro do templo pódense vé-los restos dunha capela anexa onde se practicaban bautizos para que a xente puidera entrar na igrexa como cristiáns. Hoxe aínda se conserva a pila bautismal. Pegado aos muros do atrio atópase unha fonte chamada o Pociño dos Namorados.

Acceso

A 10,6 km. do centro de Bande seguindo a estrada OU-540. Partimos dende a casa do concello pola estrada OU-540 (dirección Lobios) ou tamén chamada rúa Pombal. No km. 9,9 desviarse á man dereita, a 700m. está a igrexa.

Orden Relixiosa

Benedictinos

Declaración

Ben de Interese Cultural
Arriba
Axúdanos a mellorar!