CAPELA DO BISPO SANTO

Relixioso
1982

Localización

Parroquia: San Martiño de Mondoñedo (San Martiño)

Lugar: Forxán

27787  Foz - Lugo

Coordenadas:
43º 34' 20.0" N - 7º 16' 57.9" W

Descrición

Templo situado no alto de A Grela, lugar que a tradición sinala como o sitio das pregarias do Bispo Santo (Bispo Gonzalo) contra a invasión normanda. Adóitase situar a San Gonzalo como rexedor da sede mindoniense dende 1071 a 1112. Non é precisa a data de construción da obra inicial, aínda que no ano 1611 o Bispo de Mondoñedo deu conta desta capela ao Rei Felipe III. O paso do tempo obrigou a facer múltiples reformas sobre o templo, fabricado con cachotería e cadeirado granítico nos reforzos de vans, esquinais e espadana, con cuberta de lousa a dúas augas. De planta rectangular, consta dunha sinxela nave rectangular, arco semicircular na porta de entrada frontal e espadana dun só van. Porta lateral esquerda alintelada. Interior: retablo barroco popular con varios talles. Área recreativa no seu ámbito.

Lugar de celebración da Festa do Bispo Santo no mes de maio (romaría popular con acampadas e merendas) e tamén da Festa Normanda a finais do verán (representación teatral da lenda de san Gonzalo).

Acceso

Pódese chegar ao lugar a pé dende Foz entrando pola N-642 e logo tomar un desvío na rúa Concello de Ribadeo pola rúa Calvario, e saír á rúa Bispo Santo, pola que chegarán ao lugar da capela do Bispo Santo. Outra opción sería, tanto a pé como en coche ou autobús, coller a N-642 ata o barrio de Marzán, pasando pola avenida da Mariña, a rúa Cervantes e subir pola rúa Bispo Santo ata chegar ao lugar da capela do Bispo Santo.
Arriba
Axúdanos a mellorar!