ZEPA BANCO DE GALICIA

Espazos naturais
844

Localización

Descrición

O Banco de Galicia é unha montaña submarina cuxo punto central está situado a uns 220 km da costa occidental galega. Na parte central presenta un pico que ascende a tan só 600 m da superficie, mentres que na cara noroeste a profundidade acada máis de 4.000 m. A súas especiais características xeomorfolóxicas convértena nunha zona de elevada produtividade mariña. Neste espazo protexido, o paíño da Madeira (Oceanodroma castro) aparece en números importantes, polo menos a principios de outono (setembro), situación que converte o Banco de Galicia nunha zona de especial relevancia, xa que é a única do Atlántico ibérico español en que pode observarse esta especie. Probablemente se trate de individuos pre-reprodutores das diferentes colonias da rexión macaronésica ou das illas Berlengas (na costa central portuguesa), que se concentran aquí tras a súa migración desde as augas da corrente do Golfo, aproveitando o pico de produtividade local que se produce a finais de verán e principios de outono. Este patrón é semellante ao observado no paíño de Wilson (Oceanites oceanicus), a pardela cincenta (Calonectris diomedea borealis) ou o falaropo bicogroso (Phalaropus fulicarius), que presenta nesta zona as maiores concentracións coñecidas das augas españolas. Por outro lado, descoñécese a importancia destas augas para as aves mariñas en inverno e primavera. No caso do paíño de Leach (Oceanodroma leucorhoa) podería ser aínda máis abundante durante os meses invernais que durante o outono, período no que a especie é común.

Superficie

8722,70 km2.
Natureza Espazos naturais Zona especial protección de aves (ZEPA)
Arriba
Axúdanos a mellorar!