RÍA DE CORME E LAXE

Rías e praias
1347

Localización

Coordenadas:
43º 14' 05.5" N - 8º 57' 00.4" W

Descrición

Viaxando cara ao norte, o viaxeiro atópase coa ría de Corme e Laxe que, a xeito de monstro prehistórico, cunha ampla cabeza e cola estreita e retorta, se interna polo curso inferior do río Anllóns.
Ao camiñar polas súas beiras, podemos admirar outro sector marcado pola verticalidade dunha costa acantilada, rochosa, labrada sobre granitos, coas súas formas caprichosas, que semellan ser esculpidas pola man paciente dalgún ser misterioso. Cilindros que se introducen nos penedos, ocos que asemellan pías de igrexa, niños que parece que foron labrados por mil avespas... aglutínanse para lle dar á paisaxe unha sensación de misterio neste tramo da Costa da Morte. O contorno de Roncudo, por exemplo, é un bo lugar para comprobalo e, ao mesmo tempo, para admirar unha paisaxe campesiña cabalgando sobre un acantilado marcado pola súa verticalidade.

As vilas de Corme e Laxe, dous importantes portos pesqueiros, sitúanse a ambas as dúas marxes da ría. Na primeira, na que sobresaen as actividades pesqueiras, destaca a estrutura pechada do seu núcleo e as súas rías estreitas e empinadas, ás que se asoman tanto novos edificios como vellas casas mariñeiras pintadas -unha vez máis na costa galega- con vivas cores. En Laxe, máis comercial, é de destacar a súa igrexa do século XIV, cun fermoso deseño, e a ría Real, con restos do seu pasado señorial.
No fondo da ría, na desembocadura do río Anllóns, máis alá do monte Branco, outro lugar no que o vento e a auga xerou unha espectacular paisaxe areenta, atópase Ponteceso. Neste lugar naceu o poeta Pondal que, con gran mestría, lles cantou non só a estas terras, senón que compuxo a fermosa letra do Himno Galego.

Arriba
Axúdanos a mellorar!