R5 - Ruta Fábrica da Luz

Este trazado está especialmente condicionado por tres factores: a orografía da zona que presenta fortes pendentes, o canón do río Mao que serve de límite municipal do concello da Teixeira e a tubaxe da central hidráulica de Regueiro que divide o territorio e que só se pode cruzar nos lugares acondicionados.

Comeza a ruta no punto de acollida da Fábrica da Luz, unha das primeiras infraestruturas hidroeléctricas construídas en Galicia a comezos do século XX e que, na actualidade, foi reconvertida nun albergue. Desde aquí ascenderemos durante tres quilómetros por unha pista asfaltada ata alcanzar San Lourenzo, onde se pode visitar a necrópole de San Vítor.

O percorrido descende ata chegar ao canón do Sil e continúa por un camiño en bo estado que percorre a beira do río ata A Barxa, onde comeza unha subida cara ao núcleo da Costrela.

Para cruzar a tubaxe que abastece de auga a Central Hidráulica de Regueiro, o ciclista deberá atravesar unha pequena ponte e, a continuación, ha de baixar da bicicleta para seguir entre os viñedos típicos do lugar.

O seguinte tramo discorre a media ladeira por un sendeiro no bordo do canón que permite observar a desembocadura do río Mao no Sil. Desde Barxacova continúase pola beira do río ata alcanzar unha pista de terra cunha forte pendente que remata na estrada que se dirixe novamente ao albergue da Fábrica da Luz.

Antes ou despois da ruta, recoméndase visitar a pasarela de madeira elevada sobre o canón do río Mao que forma parte dunha sinxela ruta de sendeirismo que parte desde o aparcadoiro do albergue da Fábrica da Luz e que se dirixe cara a Barxacova.

SaídaAlbergue A Fábrica da Luz
42º22´27.22” N / 007º29´50.13”W
 altura máximades. acum. positiva[+]distanciaenlaces
581 m566 m13 km3
ChegadaAlbergue A Fábrica da Luz
42º22´27.22” N / 007º29´50.13”W
altura mínimades. acum. negativo[-]tempodificultade
229 m-566 m2hDificultade dificil

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Arriba