19 abr 2016

Turismo de Galicia transmite o seu pesar á Sociedade Francesa de Amigos do Camiño polo falecemento de Jeannine Warcollier

Jeannine Warcollier era a secretaria xeral da Asociación Francesa, a primeira agrupación de amigos do Camiño de Santiago creada no mundo en 1950.

Entusiasta e infatigable traballadora desenvolveu durante décadas unha valiosa labor a prol do Camiño de Santiago.

Entre outros recoñecementos, foi distinguida coa  Medalla de Galicia na súa categoría de prata no ano 1999 e coa Mención especial do Premio Elias Valiña  no ano 2012.

 

Turismo de Galicia transmite o seu máis sincero pésame a toda a sociedade francesa de Amigos de Santiago de Compostela, polo falecemento o pasado sábado de Jeannine Warcollier, a súa secretaria xeral.

A Asociación Francesa é a primeira agrupación de amigos do Camiño de Santiago creada no mundo en 1950 e Jeannine Warcollier ingresou nela en 1958.

Entusiasta e infatigable traballadora, ás veces de xeito oculto, durante décadas a prol do Camiño de Santiago dende Francia, Jeannine Warcollier foi unha anfitriona excepcional de cantos peregrinos procuraban acollida ou información e unha animadora sen igual do asociacionismo xacobeo en Francia.

Recoñecida como unha referencia do mundo xacobeo, Jeannine Warcollier foi a encargada no pasado ano de pronunciar a conferencia inaugural do I Encontro Mundial en Galicia das Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago celebrado do 1 ao 4 de xuño en Compostela, como recoñecemento a súa alongada actividade. Naquel relatorio, afirmou “O Camiño de Santiago é o camiño da concordia”.

Santiago de Compostela contou tamén coa súa presenza para a celebración do “Jour de la France” en agosto pasado.

Entre outros recoñecementos, Jeannine Warcollier foi distinguida coa  Medalla de Galicia na súa categoría de prata  no ano 1999 e coa Mención especial do Premio Elias Valiña  no ano 2012.

 

Arriba