30 xan 2026

Xosé Merelles visita a actuación que se leva a cabo na Reitoral de Santa Comba de Bande para mellorar a oferta patrimonial da Baixa Limia

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou a Reitoral de Santa Comba de Bande para comprobar o estado das obras de equipamento do edificio. Estas estanse a desenvolver grazas a un convenio de 166.017,54€ subscrito o pasado ano entre Turismo de Galicia, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o concello de Bande.

Esta actuación completa o proxecto iniciado en 2021, polo que se rehabilitou e recuperou este edificio para dedicalo a actividades de dinamización turística a través dun investimento de máis de 400.000€. Agora, mediante este convenio quérese dotar á reitoral do equipo necesario para desenvolver estas actividades. En total, investiranse preto de 600.000 euros no conxunto destes traballos.

Segundo o acordo asinado o pasado ano, o investimento estaba programado para os anos 2025 e 2026. Durante a primeira anualidade, xa xustificada, investíronse 95.276,97€ para a adquisición de mobiliario e traballos de climatización e ventilación das instalacións e este previsto que se equipe a cociña da reitoral. Cada unha das partes, Turismo de Galicia e a Consellería de Cultura, achegarán en cada caso 83.008,77 euros.

Segundo destacou Xosé Merelles, “a rehabilitación da reitoral de Santa Comba resulta esencial para enriquecer a oferta patrimonial da comarca da Baixa Limia, ao tempo que se impulsa a proposta turística da zona”.

Neste sentido, subliñou que Turismo de Galicia leva investidos no concello de Bande e o xeodestinos Celanova-Terras do Xurés e Celanova-Baixa Limia máis de 1,2 millóns de euros desde 2016 ata 2025 en actuacións como a promoción de festas de interese turístico, do Complexo Arqueolóxico Aquis Querquennis e mellora da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no rural. Ademais, nesta zona estase a executar o Plan de Sostibilidade Turística Vilas Históricas e Termais que conta cun investimento de 1,5M€.

Datos turísticos 2025

O director de Turismo aproveitou para poñer en valor a estratexia de turismo da Xunta, avalada polas cifras de visitantes e noites en 2025. A falta dos datos dos aloxamentos extra hoteleiros, o pasado ano visitaron a comunidade máis de 7,3M de persoas, un 2,3% máis que en 2024, que fixeron máis de 13,5M de noites (1,9% máis). Os ingresos económicos hoteleiros subiron un 5,2%, acadando a cifra récord de 451,2M€, cunha mellora na rendibilidade do 7%.

Arriba