10 nov 2024

A Xunta amplía o prazo ata o 9 de decembro para que as empresas turísticas soliciten as axudas de eficiencia enerxética

 Turismo de Galicia vén de ampliar o prazo para que empresas do sector poidan solicitar as axudas dirixidas a acometer actuacións de eficiencia enerxética tales como melloras enerxéticas ou a renovación de electrodomésticos máis eficientes. O prazo ampliado rematará o 9 de decembro e así o recolle o Diario Oficial de Galicia.

Turismo de Galicia convocou esta liña de axudas de concorrencia non competitiva en xuño deste ano, á que destina un investimento de 10M€, financiados con fondos europeos. Con respecto a convocatorias anteriores, a deste ano introduce como novidade, a posibilidade de que as empresas de restauración -non só as de aloxamento- tamén poidan optar a elas.

Ademais, sufrágase a rehabilitación enerxética de todo o edificio ou dunha parte (na anterior eran edificios completos), non se pide antigüidade mínima dos edificios a rehabilitar e non hai unha esixencia mínima de aforro enerxético, entre outras.

Actuacións financiadas

Entre as actuacións que sufragará esta liña de axudas está, entre outras accións, a mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica coa intención de reducir a demanda en calefacción e climatización de edificios completos, locais ou partes do edificio destinado ao establecemento turístico.

Tamén a mellora da eficiencia enerxética e de enerxías renovables nas instalacións térmicas, con accións como a substitución de enerxía convencional por enerxía solar térmica, enerxía xeotérmica ou biomasa nas instalacións térmicas. Inclúese a subvención para instalacións fotovoltaicas para autoconsumo así como mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación, coa instalación de luminarias de maior rendemento e lámpadas de maior eficiencia, sistemas de control por presenza, recolocación dos puntos de luz, entre outras.

Tamén cubrirá a renovación de electrodomésticos con clases enerxéticas máis eficientes. Tamén poderán sufragarse sistemas de automatización e control da enerxía. Os gastos subvencionables deberán estar realizados antes de abril de 2025.

Como norma xeral, a intensidade da axuda será de ata un 70% do custo total subvencionable do proxecto, aínda que poderá chegar ao 80% ou 90% no caso de que se acrediten aforros de enerxía primaria non renovable dun 20 ou 30%. Con esta convocatoria a Xunta de Galicia busca a modernización e mellora da competitividade do sector turístico galego. 

Arriba