30 mai 2025

Xosé Merelles destaca o impulso da Xunta ao turismo náutico con máis de 3 M€ para a mellora de infraestruturas en portos

Galicia volverá acoller unha a 52 Super Series, unha das principais competicións de vela a nivel internacional, xunto coa Copa América e a Volta ao Mundo. A cita desenvolverase entre o 2 e o 7 de xuño e estará organizada polo Monte Real Club de Iates de Baiona. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na presentación da competición tras visitar os novos pantaláns instalados no Club Náutico de Baiona onde tamén atracarán as embarcacións participantes.

Durante a súa intervención, Xosé Merelles salientou que “Galicia está a posicionarse como referente nos grandes eventos náuticos, cunha longa tradición na navegación a vela e noutras categorías de deportes deste tipo”.

Neste sentido, subliñou que desde a Xunta de Galicia estanse a realizar distintos investimentos que impulsar o turismo náutico, poñendo en valor ademais, a importancia das competicións náuticas. Por exemplo, en 2024 destináronse máis de 3 M€ para a mellora das infraestruturas dos portos deportivos.

No caso da proba de 2025 da 52 Super Series, o apoio da Xunta manifestouse a través da colaboración da Administración para a instalación de novos pantaláns ademais de contribuír á organización da proba. “Un compromiso que adquirimos con este evento na medida en que contribúe á promoción do noso contorno natural marítimo, en especial do Parque Natural das Illas Atlánticas, e contribúe a proxección internacional do noso destino como sostible e auténtico”, subliñou.

O director de Turismo de Galicia destacou o importante retorno económico que xera esta proba na zona, grazas á xeración dun movemento de arredor de 500 persoas, 13 megaiates e barcos de apoio, entre outros. A loxística, transportes, aloxamentos e restauración tradúcense nun gasto estimado de máis de 3 millóns de euros por etapa, dos que arredor de 2 millóns de euros son para empresas e servicios locais do lugar de competición.

Nove nacionalidades distintas

En Galicia, a 52 Super Series Royal Cup contará coa participación de 11 barcos de nove países distintos -Alemaña, Estados Unidos, Francia, Gran Bretaña, Hong-Kong, Italia, Sudáfrica, Tailandia e Turquía-. Entre as tripulacións das distintas embarcacións participan dous galegos, os regatistas Pablo Torrado e Víctor Mariño, que se unen a outros nove participantes doutras rexións de España.

A proba constitúe a segunda cita no calendario da 52 Super Series, tras da Saint-Tropez Sailing Week. En xullo, a competición visitará Portugal coa ROLEX TP52 World Championship CASCAIS 2025, para en agosto volver a España coa Puerto Portals 52 SUPER SERIES Sailing Week en Palma de Mallorca e pechar en setembro en Cerdeña, Italia, coa 52 SUPER SERIES PORTO CERVO SAILING WEEK.

Desestacionalización e internacionalización

A organización ou apoio a eventos deportivos posiciónase como unha importante vía de entrada de turistas á comunidade. En 2024, 128.548 persoas visitaron Galicia por motivos de turismo deportivo, segundo a Enquisa de turismo de residentes en España. Ademais, o impulso a eventos deportivos eríxese como un importante factor de desestacionalización da oferta, ao promover as visitas fóra das tempadas altas, tal e como queda contemplado na Estratexia de Turismo 2023 da Axencia.

No caso de eventos como a 52 Super Series, na que participan equipos de países de todo o mundo e que ten seguimento a nivel internacional, o apoio a nivel turismo permite ademais avanzar na estratexia de difundir Galicia entre públicos de fóra de España.

Arriba