09 ago 2024

O festival ‘Mar Aberto’ culminou a pasada fin de semana no Castelo de San Felipe en Ferrol nunha edición que contou coa participación de preto de 2.000 persoas

O Castelo de San Felipe, en Ferrol, acolleu a fin de semana pasada o último concerto do festival Mar Aberto, Concertos na Fin da Terra, organizado por Turismo de Galicia, que contou con todas as reservas completas. O ciclo, que enriqueceu a oferta turística do verán galego, pechou este ano cun grande éxito de público tras acadar a participación de preto de 2.000 persoas. O festival comezara a finais de xullo en Ribeira, no Faro de Corrubedo, e tras celebrarse tamén no Faro Punta da Barca de Muxía, chegou a Ferrol, onde se desenvolveu o venres e sábado 10 de agosto coas actuacións de Señora DJ, Pamela Rodríguez, _juno, Rapariga DJ, Lua de Santana e María José Llergo. O festival tivo como característica principal a celebración en lugares patrimoniais de Galicia, sumándose así ás propostas turísticas destes territorios e incrementando a oferta destas vilas durante o verán.

 

O espectáculo do venres comezou ás 19:30 horas no Castelo de San Felipe, con actuacións de Señora DJ, Pamela Rodríguez e a banda _juno, rematando cunha última sesión de Señora DJ ata as 00:15 horas. O sábado 10 de agosto, o festival continuou con actuacións de Rapariga DJ, Lua de Santana e María José Llergo, finalizando á mesma hora.

 

Mar Aberto, Concertos na Fin da Terra foi unha proposta diferenciada que cumpriu a súa cuarta edición e tivo lugar en lugares de valor cultural e xeográfico de Galicia. Tratouse de concertos con propostas artísticas deseñadas para cada marco onde se celebraban, de maneira que a música se fusionaba con espectaculares postas de sol sobre o Atlántico, ofrecendo unha combinación perfecta de patrimonio, paisaxe, cultura, gastronomía e música que sorprendeu ao público.

 

O público puido gozar de todo este programa totalmente de balde, e o éxito do festival reflectiuse na reserva anticipada das entradas, cubríndose o aforo ao 100% en todos os concertos. No caso da cita no Castelo de San Felipe, as entradas esgotáronse días antes do evento. 

Arriba