26 out 2015

Galicia recibe unha misión asiática con representantes de trece universidades para promocionar o turismo idiomático

O xerente do Xacobeo recibiu  á misión asiática que visitou Galicia no marco dos Cursos Internacionais que celebra a Universidade de Santiago de Compostela en colaboración con Turismo de Galicia

Os participantes da misión procedían de trece universidades de Corea do Sur, Xapón, India e Vietnam

A iniciativa forma parte do convenio asinado entre a Universidade de Santiago de Compostela e Turismo de Galicia para a promoción do Camiño de Santiago e o impulso do turismo idiomático

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, recibiu á misión asiática que visitou Galicia días pasados no marco dos Cursos Internacionais que celebra a Universidade de Santiago de Compostela en colaboración con Turismo de Galicia.

Os participantes da misión, que procedían de trece universidades de Corea do Sur, Xapón, India e Vietnam, chegaron a Galicia o pasado mércores para coñecer Galicia como destino idiomático.

A iniciativa forma parte do convenio asinado entre a Universidade de Santiago de Compostela e Turismo de Galicia para a promoción do Camiño de Santiago e o impulso do turismo idiomático, un sector clave no desenvolvemento económico e social de Galicia.

A través deste convenio Turismo de Galicia comprometeu a súa colaboración coa Universidade de Compostela, cun investimento de 20.000 euros, para a posta en marcha de iniciativas conducentes á promoción do Camiño de Santiago a través de cursos de formación no estranxeiro e misións inversas.

Deste xeito, ambas entidades están levando a cabo unha promoción conxunta do Camiño de Santiago e dos cursos de temática xacobea así como un Curso de español para hospitaleiros e cursos de liderado e emprendemento no Camiño de Santiago en: Brasil, Estados Unidos, Canadá, Tailandia, Bélxica, Holanda, Irlanda e varios países asiáticos.

Turismo idiomático
O turismo idiomático conta cada vez con máis adeptos ao ser a maneira máis eficaz de aprender un idioma de forma divertida e práctica, ao combinar a parte educativa e de aprendizaxe coa lúdica e de lecer, polo que as previsións de crecemento son cada vez maiores.

Esta tipoloxía turística e a proliferación deste tipo de usuarios turísticos ten unha gran repercusión na nosa economía xa que a súa estancia media é superior ao resto de tipoloxías, o mesmo ocorre co seu gasto medio que ao demandar varios produtos ou servizos incrementa o seu nivel de consumo.

Outro beneficio a maiores para o sector turístico galego é o seu poder desestacionalizador, xa que poden acudir durante todo o ano ao non depender das condicións meteorolóxicas ou estacionales.

Arriba