09 ago 2016

Turismo de Galicia e o Grupo Nove levarán a gastronomía galega a seis cidades españolas a través dun showcooking itinerante

A directora de Turismo de Galicia e o vicepresidente da Asociación Nove Grupo Gastronómico asinaron esta mañá un convenio de colaboración para continuar coa promoción conxunta da gastronomía de Galicia

 

Estes showcookings viaxeiros visitarán Oviedo, Xixón, Santander, Zamora, Valladolid e Salamanca

Tamén no marco do acordo se editará un folleto promocional que servirá de carta de presentación do Grupo, dos cociñeiros, dos restaurantes e da cociña de vangarda de Galicia, así como doutros recursos turísticos da comunidade

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o vicepresidente da Asociación Nove Grupo Gastronómico, Manuel Costiña, asinaron un convenio de colaboración para a promoción conxunta da gastronomía de Galicia.

O acordo ten como finalidade continuar coa aposta da nosa comunidade como destino turístico gastronómico, promovendo e comercializando a gastronomía galega co obxecto de continuar potenciando a mesma como factor clave de reequilibrio territorial e de instrumento de difusión da excelente calidade dos nosos produtos.

A principal iniciativa enmarcada no convenio é a celebración dunha acción promocional en formato showcooking itinerante que visitará as cidades de Oviedo, Xixón, Santander, Zamora, Valladolid e Salamanca.

A cada unha destas cidades trasladarase un roadshow que situarase na localización máis acaída de cada un dos destinos para asegurar a masiva asistencia de público ás sesións de cociña activa, dinámica e participativa que se realizarán, exaltando a cociña de autor e os produtos galegos, con diálogos entre cociñeiros e participantes, nas que se procederá á preparación in situ e posterior degustación guiada dos pratos deseñados para a ocasión. Este tipo de evento conta con gran receptividade e aceptación polo público, acadando unha gran transcendencia a nivel social e cultural.

Esta unidade móbil, polas súas características técnicas permite unha rápida e fácil instalación en calquera ubicación e localidade, dispoñendo de espazos diferenciados -zona de degustación, aula multimedia, zona de atención personalizada, sala de reunións e zona expositiva- especialmente deseñados para un marketing de rúa, directo, achegando as propostas culinarias ao público a través dunha publicidade non convencional, interactiva, que foxe da tipoloxía clásica para avanzar nunha campaña de difusión e promoción máis experiencial.

Esta capacidade de transmitir a mensaxe de forma directa e dinámica posibilita un enfoque máis cómplice, participativo e fresco, brindando ademais a oportunidade de avaliar in situ as opinións, impresións e intereses do público, controlando e obtendo resultados reais, así como útiles bases de datos que serán de moita utilidade de cara a futuras accións de difusión e promoción.

A estes showcookings viaxeiros accederán as persoas que, por iniciativa propia, se acheguen á unidade móbil, pero tamén se convidará, en cada cidade, a profesionais da cociña, así como representantes do resto de asociacións ou grupos gastronómicos, autoridades e persoal do sector empresarial vencellado coa gastronomía e a alimentación en xeral en calquera dos seus aspectos.

Ao mesmo tempo, terán especial presenza os medios de comunicación especializados e xornalistas, escritores, blogueiros e plataformas de difusión relacionadas coa gastronomía en calquera das súas facetas, co fin de que cada acción teña unha importante difusión.

Os paneis e soportes audiovisuais completarán a experiencia con información sobre a técnicas, produtos e produtores, así como outros dos atractivos fundamentais de Galicia como destino turístico.

Folleto promocional e informativo

Xunto a este acto promocional, tamén no marco do acordo, se editará un folleto promocional e informativo que servirá de carta de presentación do Grupo, dos cociñeiros, dos restaurantes e da cociña de vangarda de Galicia, e conterá asemade outros recursos turísticos esencias da comunidade, de xeito que a oferta presentada sexa global e non unicamente gastronómica.

Este soporte divulgativo reflectirá, a filosofía do Grupo, transmitindo a idea de cociña galega moderna e de vangarda, de gran recoñecemento e prestixio, pero que segue mantendo un nexo de unión coa tradición e a despensa autóctona de Galicia como cociña de produto que é. Unha cociña que explora novos camiños sen renunciar á súa identidade e raíces.

Así mesmo mostrará os recursos turísticos dos que o turista pode gozar na súa visita a Galicia e que completan a experiencia do visitante.
 

Arriba