O Camiño de Santiago, presente no Premio Europeo Carlos V entregado pola S.M. o rei Felipe VI aos itinerarios culturais europeos
O Camiño de Santiago, presente no Premio Europeo Carlos V entregado pola S.M. o rei Felipe VI aos itinerarios culturais europeos
O Premio Europeo Carlos V recoñeceu o labor dos Itinerarios Culturais Europeos, entre os que se atopa o Camiño de Santiago, no fomento de valores como a diversidade cultural, o respecto polas identidades, o diálogo intercultural ou o intercambio e coñecemento dos países e da historia. O galardón foi entregado nunha cerimonia que se celebrou no Real Monasterio de Yuste e que estivo presidida por S.M. o rei Felipe VI. Trátase da primeira vez que o galardón outorgado pola Fundación Academia Europea e Iberoamericana de Yuste recae nunha iniciativa.
O encargado de recoller o premio da Fundación Academia Europea e Iberoamericana de Yuste foi o secretario xeral do Consello de Europa, Thorbjørn Jagland, máximo representante dos Itinerarios Culturais Europeos. Ademais, en representación da iniciativa, interveu a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, que destacou que estes itinerarios “son as arterias que deron orixe a Europa” e que o Camiño de Santiago foi “o primeiro destes itinerarios”.
Nesta mesma liña, Cecilia Pereira lembrou que o Camiño “é a historia de Europa, pero tamén a noso futuro”. “Vivimos nun tempo no que se volven a levantar muros e por iso é máis importante que nunca reivindicar o espírito Xacobeo e os valores universais que empapan cada pedra do Camiño”, afirmou a comisaria do Xacobeo 21.