26 dec 2013

Turismo de Galicia e os concellos do Camiño Francés colaborarán en tarefas de atención ao peregrino e de mantemento e conservación da ruta

Nava Castro asinou hoxe un convenio cos alcaldes para a rehabilitación e mantemento do Camiño Francés. O acordo inclúe traballos de mantemento e conservación, de atención e información así coma de incentivo a celebracións musicais nos concellos polos que discorre o Camiño Francés. No que vai de ano mais de 151.000 peregrinos acudiron a Compostela a través de este itinerario.

Turismo de Galicia e os concellos do Camiño Francés colaborarán en tarefas de atención ao peregrino e de mantemento e conservación da ruta

Paradela (Lugo), 26 de decembro de 2013.- O concello de Paradela acolleu hoxe o acto de sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia e os concellos polos que transcorre o Camiño Francés e que son Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa e O Pino. Ademais o acto contou coa presenza da delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias.

Turismo de Galicia e os concellos do Camiño Francés colaborarán en tarefas de atención ao peregrino e de mantemento e conservación da ruta

Con este documento as partes asinantes asumen compromisos relacionados coa limpeza e conservación do Camiño Francés e para iso Turismo de Galicia aporta unha cantidade estipulada en función dos quilómetros do Camiño que transcorren por cada municipio. Desta maneira os concellos responsabilízanse de tarefas relacionadas coa limpeza e roza da maleza e a súa retirada, así coma a adopción das medidas necesarias para evitar o deterioro ou destrución do Camiño.

Turismo de Galicia e os concellos do Camiño Francés colaborarán en tarefas de atención ao peregrino e de mantemento e conservación da ruta

Ademais asumen o cometido relacionado coa atención e información continuada e específica de todo o Camiño Francés e do fito xacobeo aos peregrinos e peregrinas a través da contratación de persoal para os meses de xuño a setembro, así coma a labor de información a través das páxinas webs e a edición de material informativo.

No convenio tamén existe unha liña para desenvolver actuacións musicais no Camiño, de xeito que se incentive e promova a distribución do produto musical galego. Estas actuacións serán de balde e dun mínimo de trinta minutos, dous días á semana preferentemente os días de maior afluencia de peregrinos e peregrinas, durante o período que abrangue desde o 1 de xuño ao 30 de setembro.

O Camiño Francés
O Camiño Francés é o itinerario con maior tradición histórica e máis recoñecido internacionalmente. Este Camiño foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO na reunión celebrada o 10 de decembro de 1993 en Cartaxena de Indias (Colombia).

O Camiño de Santiago significou na historia europea o primeiro elemento vertebrador do vello continente. O Camiño de Santiago foi a ruta seguida durante todas as épocas por milleiros de peregrinos o que converteuno no elemento fundamental no fomento de intercambios culturais entre a Península Ibérica e o resto de Europa. Con el, propiciouse o desenvolvemento cultural e económico das zonas polas que discorría e hoxe, o fluxo de persoas, ideas e culturas de todo o mundo aínda continúa en plena actualidade.

No que vai de ano, recolleron a Compostela, tras percorrer o Camiño Francés un total de 151.559 peregrinos o que supón máis do 70% do cómputo total dos peregrinos que acoden á Oficina de Acollida do Peregrino. Este ano percorreron este Camiño un 12,44% mais que no mesmo periodo do 2012.

No cómputo total das Rutas Xacobeas, a punto de rematar o ano, contabilizáronse que 215.558 peregrinos realizaron algún dos itinerarios, segundo a Oficina do Peregrino. No mesmo período de 2012, percorreron estas Rutas un total de 192.174 peregrinos. Neste caso, a porcentaxe de incremento é do 12,17% en relación ao ano pasado.

Arriba