Turismo de Galicia aposta por garantir a calidade nos aloxamentos do Camiño de Santiago
O Goberno galego realizou unha ampla inspección en 112 establecementos do itinerario francés, o máis transitado co 65,61% do total de peregrinos do ano 2015
A maioría dos controis realizáronse a albergues de peregrinos, un total de 78, para vixiar o cumprimento da normativa nunha época de especial afluencia
Levantáronse 52 actas de infracción ou requirimento, 35 delas por exceso de capacidade e 17 por falta de documentación
Turismo de Galicia, dentro da súa aposta por garantir a calidade dos aloxamentos que empregan os peregrinos, vén de realizar un operativo especial de vixilancia nestes establecementos no Camiño Francés, especialmente nos albergues de peregrinos, para garantir un servizo axeitado e conforme ao disposto na normativa vixente.
Con esta actuación Turismo de Galicia realizou labores de inspección nun total de 112 establecementos de aloxamento e levantou un total de 52 actas de infracción ou requirimento. Dos 112 establecementos, visitáronse 78 albergues, 18 pensións, 10 de turismo rural, 5 hoteis e unha vivenda turística. Das 52 actas levantadas, 35 foron de infracción ou requirimento por exceso de capacidade e 17 por falta de documentación.
O motivo polo que se decidiu organizar este dispositivo especial, levada a cabo en xuño e xullo, é o incremento no número de peregrinos que realizan o Camiño de Santiago durante a época estival, co risco que iso supón para a redución da calidade do servizo se se produce un exceso de capacidade nos establecementos de aloxamento, así como ser unha infracción tipificada.
Turismo de Galicia continuará desenvolvendo esta función inspectora para garantir o cumprimento da normativa en materia de aloxamentos e favorecer así unha oferta en condicións de calidade, obxectivo fundamental da recentemente aprobada normativa sobre albergues turísticos.
En definitiva, trátase de conseguir un incremento na calidade dos albergues, como establecementos de aloxamento turístico, que fagan atractivo noso territorio como destino. Neste sentido, como en todo o que abrangue a xestión do Camiño de Santiago, é fundamental a colaboración de todos os axentes implicados, incluíndo concellos e outras entidades, para ofrecer aloxamentos naqueles lugares destinados para tal finalidade.
Récord de peregrinos
No que vai de ano chegaron a Galicia 128.969 peregrinos, un 7,5% máis que no mesmo período do ano pasado. Esta tendencia positiva fai que as previsións para este ano 2016 sexan superar os 262.516 peregrinos de 2015, dato que xa marcara un máximo histórico para un ano non santo.
O Camiño Francés é o itinerario máis concorrido co 65,61% dos peregrinos que chegaron a Compostela en 2015, o que supón 172.243 dos 262.516 rexistrados. No que vai de ano, os que optaron por esta vía foron 82.910 peregrinos fronte aos 79.829 que chegaran no mesmo período do ano pasado.