Xosé Merelles anuncia a apertura do prazo das axudas a establecementos termais cifradas en preto de 8 M€
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou o impulso que darán ao Plan de Turismo Termal de Galicia as axudas convocadas para a creación de novos establecementos termais e para a rehabilitación e reforma dos xa existentes. No decurso dunha visita ao Hotel Balneario Oca Vila de Allariz, Xosé Merelles anunciou a apertura do prazo de presentación das dúas convocatorias, nas que a Xunta inviste case 8M€, previsto para este 18 de maio ás 00,00 horas. A partir desta data, as empresas terán dous meses para presentar os seus proxectos.
O director de Turismo de Galicia destacou ademais que con estas liñas de axudas se prevé innovar e modernizar o parque inmobiliario e de servicios termais que forman parte da oferta de turismo termal da Comunidade galega, “primeira potencia termal de España e o segundo lugar de Europa con maiores reservas de augas mineromedicinais, con 7 dos 8 tipos de augas mineromedicinais que existen”.
Xosé Merelles destacou ademais que as dúas convocatorias forman parte do Plan de Turismo Termal 2025-2028 que propón catro accións estratéxicas con 26 medidas e un orzamento de máis de 10M€. Precisamente, esta actuación enmárcase no bloque 2 que se centra en investimentos, modernización e infraestruturas.
As dúas convocatorias teñen carácter plurianual para o período 2025-2026 e están enmarcadas no Plan Territorial de Vilas Termais e Cascos Históricos, unha actuación confinanciada con fondos NextGeneration da Unión Europea, a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.
Ampliar a oferta existente
En concreto, a Xunta acaba de convocar unha liña de axudas de apoio á posta en marcha de establecementos hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia, para así ampliar a oferta existente de aloxamentos turísticos deste tipo. Esta convocatoria , á que se destinan 1,7M€, inclúe por unha parte a a construción, reforma ou rehabilitación sustentable de edificios e a adaptación de infraestruturas ou instalacións para a posta en marcha dun novo establecemento turístico de aloxamento vinculado a un balneario ou talaso, e por outra actuacións destinadas aos sistemas de enerxías renovables e economía circular no novo establecemento turístico vinculado a un balneario ou talaso.
Ademais, Turismo de Galicia tamén convocou subvencións para a rehabilitación ou reforma de establecementos deste tipo que xa estean en funcionamento. Aquí, inclúense tres liñas: a propia reforma ou rehabilitación das instalacións; medidas de eficiencia enerxética e economía circular nas infraestruturas termais, que contribúan á mitigación do cambio climático; e fomento da difusión da cultura termal galega e do turismo de saúde, a través de iniciativas como xornadas, publicacións e programas. Esta convocatoria conta cun investimento que supera os 6M€. As bases das dúas convocatorias poden consultarse no Diario Oficial de Galicia do pasado 9 de maio.
20% da oferta de toda España
Na actualidade, Galicia conta con máis de 20 balnearios que supoñen o 20% da oferta termal de toda España. Segundo os datos da Enquisa de Turismo de Residentes 2024 , centrada no turismo nacional, do total de visitantes durante o pasado ano, 152.362 persoas dixeron vir a Galicia por motivos de turismo termal ou de benestar, un 1,5 % do total de visitantes.
Xosé Merelles tamén felicitou aos responsables do Hotel Balneario Oca Vila de Allariz que veñen de recibir recentemente a certificación de balneario, co apoio de Turismo de Galicia. “Con este recoñecemento, non só se reforza a aposta que fai este equipo pola oferta de benestar e saúde, senón que contribúe a incrementar as propostas de establecementos termais de calidade da nosa comunidade”, salientou o director de Turismo.