09 abr 2026

Xosé Merelles reforza en Córdoba o modelo turístico de calidade de Galicia reiterando a alianza público-privada e o diálogo constante

O director de Turismo de Galicia participou na mesa ‘Co-gobernanza turística’, que se desenvolveu no marco do VIII Congreso Internacional de Calidade e Sostibilidade Turística, organizado polo Instituto para a Calidade Turística Española e a Sostibilidade (ICTES) e celebrado en Córdoba.

Alí, Xosé Merelles salientou a colaboración público-privada e o diálogo co sector como eixos do modelo turístico galego que ten a calidade e a sostibilidade como referentes e que se ratifica no feito de que Galicia é segunda rexión de España en número de certificacións Q de Calidade Turística e a terceira nas S, ademais do recoñecemento Premio Q 2026 á Rede Pública de Albergues do Xacobeo concedido este 2026.

Durante a súa intervención, Xosé Merelles referiuse aos datos de turismo de 2025, cando a comunidade recibiu unha cantidade récord de 8,8 millóns de visitantes e 530.000 peregrinos, e o sector hoteleiro facturou 451,2M€, un 5,2% máis que ano anterior. “Son datos que falan de éxito, pero tamén de colaboración e traballo conxunto”, analizou, aludindo á interacción entre poboación residente, turistas, administracións e empresas.

Para isto, explicou, ademais, dun diálogo constante co sector, realízase unha importante inversión económica na modernización e profesionalización do mesmo, con axudas aos establecementos para que actualicen as súas infraestruturas -cun valor de 4,5M€-, implementen medidas de eficiencia enerxética -10M€ en 2025- e outras achegas de fondo propio e europeo que, só o pasado ano, se traduciron en máis de 30M€ para o sector turístico galego.

En concreto, o responsable de Turismo de Galicai referiuse aos fondos europeos Next Generation, cun orzamento de 130M€ para turismo, dos que desde a Xunta se xestionan directamente preto de 72M€. Esta financiación transformouse en achegas a proxectos para concellos, entidades e o sector, na forma de Plans Territoriais de Sustentabilidade Turística e Accións de Cohesión Territorial, entre outras, para apoiar recursos como o Camiño de Santiago, a enogastronomía ou o termalismo.

Merelles referiuse tamén á Estratexia de Turismo 2030, un documento elaborado a través dun proceso participativo xunto ao Clúster Turismo de Galicia. Para o seu desenvolvemento, “celebráronse máis de 20 mesas de traballo en toda a xeografía galega, coa participación directa de máis de 400 profesionais e arredor de 600 enquisas online respondidas”. O resultado é un documento cun orzamento global de 1.000M€, articulado a través de oito misións que contemplan 64 medidas.

O director de Turismo de Galicia aludiu tamén á colaboración da Xunta co ICTES, que se remonta ao ano 2000 e que ten os seus exemplos máis recentes na posta en marcha en 2022 da marca S de Sostibilidade Turística ou o plan de acción de 2024, dotado con máis de 570.000€ para reforzar a calidade e sustentabilidade das empresas e destinos.

Xacobeo 2027

Xosé Merelles destacou a celebración do próximo Ano Santo como oportunidade para seguir avanzando na consolidación deste destino de calidade desde o traballo conxunto. “Estamos a desenvolver ferramentas que faciliten a participación do sector privado, fomentando a colaboración público-privada e xerando un marco estable que permita organizar unha programación ambiciosa, coordinada e de calidade”.

Este obxectivo está a desenvolverse a través de ferramentas como o Plan Director de Patrocinios del Xacobeo 2027; unha convocatoria dirixida ao patrocinio de eventos de gran impacto; e outra, O teu Xacobeo, para o apoio de iniciativas de programación de Pemes e asociacións.

Arriba