IGREXA DE SANTA MARIÑA DE LESA

Relixioso
1434

Localización

Parroquia: Santa Mariña de Lesa (Santa Mariña)

Lugar: Lesa

15316  Coirós - A Coruña

Coordenadas:
43º 14' 18.9" N - 8º 09' 47.0" W

Descrición

Igrexa de estilo románico de transición ao gótico do século XIII, de tipoloxía rural moi frecuente na bisbarra. Na súa planta rectangular desenvólvese unha soa nave, cunha ábsida rectangular. No interior, o espazo correspondente ao presbiterio conserva elementos románicos como as catro columnas pegadas, os dous arcos e a bóveda. A ábsida posúe elementos góticos, como unha ventá oixival dividida en dúas metades por un parteluz, con remate en pedra calada, e unha bóveda de crucería. No exterior, a fachada principal mostra un pano de muro liso, entre os perpiaños do cal só se abren os ocos da porta de entrada e o van correspondente ao coro. A fachada lateral está interrompida por dúas seteiras e unha porta lateral, que presenta un arco apuntado, unhas xambas lisas e un tímpano adornado cunha cruz de brazos iguais e un monograma de Cristo.

Acceso

Dende Coirós, tomar o próximo camiño a man dereita que discorre paralelo á entrada da autoestrada A-9 e a pouca distancia chégase a Lesa, onde se acha a igrexa.
Arriba