Nava Castro salienta o papel da comarca do Ribeiro para fortalecer o potencial enogastronómico de Galicia
O Goberno galego colabora co xeodestino O Ribeiro-Carballiño nunha nova edición do Viñobus que se presentou hoxe na cidade de Ourense
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación da nova edición do Bus do Viño do Ribeiro, unha iniciativa posta en marcha coa colaboración da Xunta que este ano promoverá os recursos patrimoniais e da cultura do viño da comarca do Ribeiro.
Nava Castro puxo en valor o papel desta comarca para fortalecer o potencial enogastronómico de Galicia que, dixo, está a ser cada vez máis atractivo para os viaxeiros que chegan á Comunidade galega. Como explicou, o enoturismo está a axudar a posicionar a Comunidade como un destino de calidade e diferenciado, que aposta polos seus mellores recursos propios. “Un deses recursos é o viño e, neste caso, o viño Ribeiro, a súa comarca e a provincia de Ourense, axudan a fortalecer a nosa imaxe”, declarou Nava Castro.
A directora de Turismo puxo en valor, así mesmo, os máis de 214.000 viaxeiros que rexistrou a provincia de Ourense no que vai de ano e as preto de 400.000 noites. Uns datos que permiten estar medrando a un ritmo do 2%, especialmente entre o turismo interno, o dos propios galegos que se achegan a desfrutar dos recursos da provincia.
A responsable de Turismo da Xunta avanzou a vontade de seguir colaborando cos concellos e co sector a través das numerosas liñas de axudas anuais, ademais de convenios como o que posibilita o viñobus do Ribeiro. Tamén se referiu ao orzamento comprometido coas Rutas do Viños ata 2021, para garantir a organización das Xornadas de Portas Abertas coas cinco denominacións de orixe, un elemento esencial no impulso do enoturismo galego, así como á estratexia de turismo enogastronómico Galicia Sabe, ou á estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas, entre outras.
Coñecer ORibeiro
As rutas propostas este ano comezarán o día 14 de setembro, ás 9,15 horas, cun autobús que partirá da cidade de Santiago de Compostela para percorrer a pegada histórica que as ordes monacais deixaron neste territorio. Os visitantes terán a oportunidade de visitar o Mosteiro de San Clodio e o Museo do Viño de Galicia, así como adegas socias da Ruta do Viño como Viña Costeira, Cuñas Davia ou Licores os Maios.
O día 21 de setembro, o viñobus procedente de Vigo xirará en torno á cultura castrexa, incluíndo na ruta visitas ao Castro de Santa Lucía en Castrelo de Miño ou o Castro de San Cibrao de Las, ademais de adegas como Celme, Pousadoiro ou Leive Ecoadega. O último viñobus desta tempada, que partirá da cidade de Ourense o día 28 de setembro ofrecerá un percorrido polo Esplendor dos Pazos para descubrir as grandes xoias da arquitectura barroca situadas na parroquia de Pazos de Arenteiro, declarado conxunto histórico artístico. Complementarase esta visita coas adegas de Pazo Tizón, Terra do Castelo e Priorato de Razamonde.
Todas as rutas disporán de servizo de guía turístico. O custo das entradas é de 15 euros e están á venta no portal de ataquilla.com, ou na Sede Afundación das cidades de Santiago de Compostela, Vigo e Ourense.