Nava Castro destaca a consolidación e nivel de excelencia acadado pola oferta enoturística galega como reclamo turístico de calidade
A directora de Turismo de Galicia participou na presentación das IX Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia que comezan esta fin de semana nas Rías Baixas e no Ribeiro
A fortaleza de Salvaterra do Miño foi o lugar escollido para a presentación oficial da novena edición das Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia, unha edición “marcada pola pandemia que nos obriga a dar unha resposta eficiente á nova realidade”, tal e como destacou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen fixo fincapé no esforzo conxunto para asegurar que todas as actividades programadas se leven adiante coa máxima seguridade e estrita observación das medidas de restricións de aforamento.
O programa de actividades previstas no marco das Xornadas de Portas Abertas comeza esta fin de semana nas Rías Baixas e no Ribeiro e continuarán o vindeiro fin de semana nos outros tres territorios vitivinícolas, Monterrei, Ribeira Sacra en Valdeorras. En total o visitante poderá acceder a máis de medio cento de actividades, entre catas comentadas, rutas de sendeirismo, visitas guiadas ou autobuses turísticos nos máis de 70 establecementos participantes.
Medidas anticovid
No acto de presentación tamén participaron a alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, e o presidente da Ruta do Viño de Rías Baixas, Juan Gil, que interveu no nome dos presidentes das Rutas dos Viños de Galicia. Todos eles coincidiron en destacar a fortaleza que está a amosar o sector enoturístico galego neste contexto de adaptación, que se traduciu na posta en marcha de protocolos e medidas anticovid para os establecementos socios das 5 Rutas do Viño así como na adaptación do desenvolvemento das actividades aos novos requisitos de carácter.
Neste sentido, Nava Castro destacou que todas estas actuacións, encádranse dentro do convenio asinado coas cinco rutas do viño de Galicia por importe de 230.000 euros e que “está agora en execución co obxectivo de recuperar da confianza do turista e demostrar que o sector enoturístico galego oferta un produto turístico consolidado, seguro e de confianza, adaptado ás necesidades que a situación actual esixe”.
A directora de Turismo de Galicia resaltou, ademais, a alta calidade acada pola oferta, avalada polas 16 Q de Calidade en turismo industrial que sitúan a Galicia no podio desta categoría no ámbito nacional.
Actividades e buses turísticos adaptados
As Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia ofertan nesta primeira fin 14 buses turísticos nas Rías Baixas, dous deles con comida, que xa esgotaron prazas, e cinco no Ribeiro, ademais de máis dunha ducia de actividades que van desde andainas e catas comentadas a obradoiros de elaboración de vermú ou catas de te e queixo. Ademais o programa inclúe unha relación de establecementos de aloxamento e restauración adheridos que permiten ao visitante unha inmersión total no territorio.
Para todas as actividades é precisa a inscrición previa e o cumprimento estrito das medidas e protocolos hixiénico-sanitarios postos en marcha para garantir a seguridade sanitaria. Toda a información actualizada relativa ao programa de actividades pódese consultar na web de Turismo de Galicia https://www.xornadasrutasvinosgalicia.com/