09 nov 2020

Formacións en liña para mellorar a adaptación á covid-19 das vivendas de uso turístico

Os propietarios que acceden a esta formación teñen a opción de acreditala mediante un exame que lles permite acceder a un certificado de aproveitamento

Máis de 250 propietarios de esta tipoloxía de aloxamentos interesáronse por esta formación que comezou en outubro

 

 

Esta semana rematan as formacións en liña para propietarios de Vivendas de Uso Turístico (VUTs) que se veñen organizando desde outubro por parte da Xunta, a través do Centro Superior de Hostalería de Galicia, co obxectivo de mellorar a súa formación e resposta fronte aos retos que supón para o sector turístico á covid-19.

Os derradeiros seminarios celebraranse os días 10 e 12 de novembro, con dúas sesións de formación diarias. Ao remate destas dúas xornadas teranse completado un total de 42 webinars impartidos, cos que o goberno galego busca dotar aos propietarios de VUTs de ferramentas que melloren a viabilidade económica desta tipoloxía de aloxamentos ao tempo que se lles incide na necesidade de traballar arreo e de xeito conxunto na construción de Galicia como destino turístico seguro.

Formación e certificación

Máis de 250 propietarios deste tipo de aloxamentos manifestaron o seu interese por esta iniciativa e deles preto dun cento a acreditaron mediante a realización dun exame elaborado por Turismo de Galicia que lles permite obter un certificado de aproveitamento da formación que logo poden poñer en valor nas súas ofertas de alugueiro.

A formación ofrecida está baseada no “Manual para as vivendas de uso turístico ante a covid-19” publicada pola Xunta. O contido do seminario complétase, ademais, cun repaso das obrigas dos propietarios respecto dos viaxeiros que se aloxan nestas vivendas.

Baixo o título “Recomendacións das medidas hixiénico/sanitarias ante a covid-19 para as Vivendas de Uso Turístico”, os propietarios debidamente inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) poderán acceder de balde ao seminarios, só teñen que inscribirse a través do enlace: https://www.turismo.gal/galiciadestinoseguro/formacion/cursos-de-formacion-sectorial

 

 

Arriba