09 nov 2020

A Xunta axilizará e flexibilizará ao máximo as axudas á hostalaría para que cheguen ao sector o antes posible

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reuníronse co Clúster de Turismo e as asociacións de hostalaría para concretar os detalles das achegas autonómicas

A Administración galega flexibilizará os requisitos e permitirá, por exemplo, compatibilizar axudas coa recollida e o reparto a domicilio
 
Rueda insistiu na necesidade de que todas as administracións se unan ao esforzo da Xunta: “Este sector precisa unha resposta global”
 
O vicenpresidente primeiro e a conselleira de Emprego e Igualdade, na reunión co sector hostaleiro..

A Xunta de Galicia axilizará ao máximo as axudas á hostalaría para que os fondos cheguen ao sector o antes posible. O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantiveron un encontro co Clúster de Turismo e representantes da hostalaría de toda Galicia para avanzar neste proceso.

O encontro enmárcase no diálogo constante co sector e permitiu concretar detalles das axudas que a Xunta porá á súa disposición. A Administración autonómica flexibilizará ao máximo os requisitos e a tramitación, consciente das dificultades polas que atravesa o sector. Así, por exemplo, poderanse compatibilizar as axudas con servizos de recollida e reparto de comida a domicilio.

Ao longo da semana haberá máis encontros entre a Administración autonómica e os hostaleiros, así como con outros sectores relacionados co turismo, para que a tramitación sexa o máis rápida posible.

O Goberno galego ten activadas tres liñas de axudas ás que se poden adherir os establecementos hostaleiros. Así, hai dúas liñas do Plan de rescate de persoas traballadoras autónomas e microempresas, ás que se suma o novo apoio específico anunciado no pasado Consello da Xunta. As tres liñas son compatibles entre si, polo que reunindo os requisitos necesarios os empresarios poderán beneficiarse de xeito simultáneo de todas elas.

Trátase dunha liña urxente de axudas para o sector da hostalaría -servizos de comidas e bebidas e aloxamentos- afectado no exercicio da súa actividade polo peche derivado das actuais e necesarias medidas sanitarias para evitar a propagación da covid-19 nos concellos galegos con maior incidencia epidemiolóxica.

Deste xeito, en total, as axudas aos establecementos hostaleiros máis afectados poderían ir desde un mínimo de 2.200 ata un máximo de 7.200 euros.

“Avanzaremos o máis rapidamente posible na xestión das axudas. É un sector que o está pasando especialmente mal. Queremos acertar entre todos e que se poidan cobrar canto antes”, sinalou o Rueda. O vicepresidente primeiro avogou por un deseño das achegas “o máis útil posible”, e recordou que apoiar este sector é unha tarefa de todos. “A Xunta aporta unha parte importante pero ao mesmo tempo facemos un chamamento ás demais administracións para que tamén se impliquen. Esta é unha situación moi complicada que debe ser resolta de xeito global”.

Rueda recordou reivindicacións do propio sector que son fundamentais para paliar a situación. Por exemplo a redución do IVE turístico ao 4% e o mantemento dos Ertes por parte do Goberno Central, ou a bonificación de diversas taxas municipais por parte dos concellos galegos.

 

Arriba