25 mar 2014

Nova campaña de Turismo de Galicia para o 2014 que incide na visión multiexperiencial do destino

A nova promoción é complementaria da campaña ‘Galicia, o bo camiño’ e ‘Á xente que quero, recoméndolle Galicia’ é o novo slogan da campaña que se divide en tres fases e está previsto que xere preto de 900 millóns de contactos publicitarios.


Os turistas e os propios galegos son os prescritores do destino Galicia e a nova campaña contará con accións especiais, así como co hastag #Galiciaelbuencamino para as comunicacións online.

Imaxe da nova de Turismo de Galicia.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, presentou a nova campaña de Turismo para este 2014. No acto de presentación estivo acompañada pola xunta directiva do Clúster de Turismo de Galicia, presidida por Francisco González. Previamente, a directora de Turismo de Galicia realizara unha presentación da campaña 2014 aos membros do Consello de Turismo de Galicia. A nova campaña é complementaria da que leva por título ‘Galicia, o bo camiño’, que alcanzara 468 millóns de contactos publicitarios.

A directora de Turismo de Galicia explicou que a creatividade da nova campaña ten un novo slogan en versión castelán: “Si te han recomendado Galicia es que te quieren” e en galego “Á xente que quero, recoméndolle Galicia”. Segundo dixo, a campaña reforza a mensaxe da do pasado ano 2013 e que evidencia agora un agradecemento dos visitantes arredor a todos eses motivos que fan de Galicia un destino idóneo. “Quen mellor que os propios turistas satisfeitos para contalo desde a súa experiencia?”, dixo. “E quen mellor que os galegos para para prescribir o destino?”, engadiu.

Nava Castro explicou que a rodaxe da campaña realizouse percorrendo as catro provincias galegas e potenciando atributos como a gastronomía, a paisaxe, o turismo de saúde, os Patrimonios da Humanidade, o turismo rural, a hospitalidade ou a calidade dos nosos produtos.

A campaña divídese en tres fases e desenvolverase ao longo do ano a través dunha estratéxica combinación de soportes e accións on e off line a nivel autonómico, nacional e internacional. Como medios de comunicación complementarios para a difusión desta campaña cóntase cos suplementos dominicais e outros para públicos específicos, e serán medios tácticos de campaña a prensa escrita, a radio, as revistas e a publicidade exterior.

A campaña divídese en tres olas ou fases. Desde hoxe ata o día 16 de abril desenvolverase a ola de Semana Santa, co obxectivo de incentivar as visitas cara a Galicia na contorna máis inmediata. Neste caso empregaranse os principais suplementos dominicais e específicos, prensa escrita, radio e internet.

Entre os días 21 e 30 de maio, buscaranse as visitas do público nacional cara ás pontes de maio, dirixindo a presión publicitaria a toda España con reforzo no mercado nacional en suplementos, prensa, radio e internet. Xa para a época estival, entre as primeiras datas do mes de xuño e o 15 de xullo, buscaranse as estadías longas na nosa comunidade autónoma.

A derradeira fase da campaña terá lugar entre os días 15 de setembro e 5 de decembro, para buscar a ocupación nas pontes e fins de semana do outono, como un dos xeitos previstos este ano de incentivar a desestacionalización do turismo nas épocas de menor demanda. A campaña nesta última ola centrarase nas comunidades limítrofes con Galicia e a propia comunidade galega.

Accións especiais e 900 millóns de contactos publicitarios
A campaña pode chegar a alcanzar os novecentos millóns de contactos publicitarios e conta con accións especiais como o caso dunha acción combinada pola que 44 autobuses urbanos de Madrid, circularán por 41 liñas distintas, lucindo a campaña de Turismo de Galicia nas súas traseiras, de xeito integral. Ademais, Turismo de Galicia percorrerá algunhas das principais cidades de España e recolleranse a pé de rúa as testemuñas e recomendacións de todos os fans de Galicia. Dese xeito, deseñouse un recinto especial co nome Galicia de cine que se desprazará por diversas cidades españolas.

Gravaranse todas as persoas que queiran recomendar Galicia e contar os motivos polos que a elixen como destino turístico. Entre todas as testemuñas, Turismo de Galicia buscará os protagonistas das pezas publicitarias que se emitirán nas seguintes fases da campaña. Ademais, todas e todos aqueles que visiten o recinto galego poderán participar no sorteo de estadías turísticas en Galicia.

Estas e outras testemuñas recollidas na internet poderán verse no sitio galicia.es, onde ademais se articulará unha grande acción promocional da campaña baixo o reclamo “Sé a persoa que máis recomenda Galicia do mundo”. Quen o desexe poderá deixar a súa mensaxe recomendando Galicia nesta web, nas súas redes sociais e en todas as canles que considere oportunas: “todo sumará para chegar a ser a persoa que máis recomendou Galicia no mundo”. Quen o consiga poderá gozar dun premio dunha viaxe a Galicia dunha semana de duración.

 

#Galiciaelbuencamino
O hagstag #Galiciaelbuencamino será a clave das comunicacións online e o factor común de todas as recomendacións que se acheguen á campaña.E todo isto reforzado nas contas das redes sociais de Turismo de Galicia, desde as que se apoiarán e monitorizarán todas as accións da campaña nas redes.

Os medios de comunicación, soportes e formatos de campaña foron seleccionados pola súa afinidade cos obxectivos de comunicación de campaña. Ademais, tívose en conta a cobertura que ofrecen, buscando unha elevada notoriedade, de xeito que a campaña sexa asimilada e recordada polo público obxectivo.

Arriba