Nava Castro presenta en Madrid as xornadas gastronómicas de Galicia nos restaurantes de ‘El Corte Inglés’ que se celebrarán durante dez días en 50 establecementos do grupo
A directora de Turismo de Galicia salienta a calidade da gastronomía galega e a súa gran capacidade de atracción turística.
Os pratos tradicionais da gastronomía galega protagonizarán os menús da carta dividida en cinco apartados que combinan produtos da terra e do mar así como os viños galegos con Denominacións de Orixe.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro presentou en Madrid as xornadas que desde mañá venres ata o día 6 de abril acollerán cincuenta restaurantes do Grupo El Corte Inglés para exaltar a gastronomía tradicional e a calidade dos produtos galegos.
Na presentación interviñeron tamén o responsable de Relacións Externas de El Corte Inglés Galicia, Pati Blanco; e mais o responsable de Hostalería do Grupo El Corte Inglés, Guillermo Arcenegui.
Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia salientou que a calidade é a marca diferencial do destino e “é por isto que falar de Galicia é falar da excelencia culinaria”. Comentou tamén que esta acción promocional é un xeito de compartir “aquilo do que os galegos nos sentimos máis orgullosos: a nosa gastronomía”. Ao tempo, lembrou que Galicia conta con máis de cinco mil establecementos de restauración, algúns deles con distincións de calidade como os 51 servizos de restauración coa marca Q de Calidade Turística, os 29 Soles Repsol ou os 11 restaurantes con Estrella Michelín.
Ademais, Nava Castro explicou que Galicia ofrece a oportunidade de ser percorrida a través da tradición culinaria e de combinar o goce dunha gastronomía que destaca pola variedade e calidade con produtos diferenciais do destino como o Camiño de Santiago, o termalismo ou a práctica de actividades turísticas relacionadas coa natureza, as praias ou os recursos culturais. Ademais, resaltou a potencialidade das Rutas do Viño de Galicia que permiten coñecer a gastronomía e a oferta turística e cultural asociada á produción vinícola dos territorios das nosas cinco Denominacións de Orixe Protexida.
A directora de Turismo de Galicia destacou que a calidade e variedade de produtos enogastronómicos é unha das nosas fortalezas como destino e un dos nosos principais valores diferenciais. E dixo que “no Plan Integral de Turismo concibimos a gastronomía como un recurso endóxeno e queremos apostar polo seu valor de produto transversal”.
A carta dos menús que estes dez días se poderán degustar en 50 dos restaurantes do grupo pretende representar a xeografía gastronómica de Galicia e nela resaltan os mariscos de cuncha, o polbo á feira, a empanada, o caldo galego ou os peixes e carnes con indicación de calidade, así como as sobremesas protagonizadas polos queixos con denominación, a tarta de Santiago ou as filloas. Os viños de Galicia acompañarán os menús da iniciativa promocional.