A Amtega e a Axencia de Turismo liberan no repositorio de software libre da Xunta dúas aplicacións pioneiras na xestión turística
A publicación destas ferramentas con licenza libre posibilitará a creación dunha comunidade de desenvolvedores en torno a elas abrindo a posibilidade de xeración de negocio para as empresas TIC no sector turístico.
A aplicación de xestión de pequenos establecementos hostaleiros foi presentada en 2012, espertando o interese doutros organismos e entidades turísticas do resto do Estado.
A aplicación de captura e explotación de datos turísticos está implantada a través de paneis táctiles nas Oficinas de Turismo da Xunta e permite extraer datos sobre o perfil do viaxeiro en Galicia.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa a Axencia de Turismo, veñen de publicar con licenza libre dúas aplicacións desenvolvidas por este organismo e que están a ter una gran acollida entre o sector tanto en Galicia como no resto do Estado. Trátase da aplicación de xestión de establecemento hostaleiros e do aplicativo de captura e explotación de datos de índole turística en tempo real.
Estas ferramentas teñen xa publicado o seu código fonte cunha licenza de uso libre no Repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia, o que permitirá a creación dunha comunidade de desenvolvemento e de usuarios ao redor delas, na que distintas empresas ou entidades poidan colaborar no seu mantemento e evolución, revertendo en beneficio de todos e permitindo xerar negocio.
Sobre a aplicación de xestión de establecementos hostaleiros
A aplicación de xestión de establecementos hostaleiros, unha ferramenta pioneira no Estado para mellorar a xestión dos pequenos establecementos turísticos e para compartir datos estatísticos.
Este aplicativo permite aos pequenos establecementos xestionar as súas reservas e facturas nunha base de datos ordenada de clientes; fixar e modificar os prezos das habitacións en función das características das mesmas; obter informes de xestión e plannings semanais e/ou mensuais de limpeza, de datos de ocupación; isto é, operacións do día a día que afectan á carga de traballo do empresario, xerente, recepcionista, persoal de limpeza...
O aplicativo tivo unha importante acollida nos establecementos aos que vai dirixido xa que cobre perfectamente as súas necesidades e non lles supón ningún custo de adquisición. Diversas entidades e organismos turísticos do resto de Estado, como Exceltur, teñen contactado co Instituto de Estudos Turísticos de Galicia para amosar o seu interese en dita ferramenta. Este software compártese tamén a través da plataforma “Comparte Iniciativas”, unha ferramenta de intercambio de transferencia tecnolóxica en materia turística entre as comunidades autónomas dependente da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (Segittur).
Unha vez posto á disposición da comunidade no Repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia, será moito máis doado que as distintas entidades e empresas interesadas poidan colaborar na súa mellora e evolución, adaptándoo cada vez máis ás necesidades específicas do establecementos hostaleiros interesados.
Aplicación de captura e explotación de datos de índole turística en tempo real
A outra ferramenta liberada é unha aplicación web cliente-servidor de captura e explotación de datos de índole turística en tempo real. Este aplicativo está sendo empregado dende o agosto de 2012 nas Oficinas de Turismo da Xunta de Galicia en paneis táctiles que permite a captura e a explotación de datos de índole turística en tempo real.
A través dos paneis táctiles as persoas que acoden ás oficinas turísticas poden, ademais de consultar información turística de cada destino, realizar unha enquisa turística que permite obter datos dos perfil do viaxeiro na Comunidade: estancia (aloxamento), motivo da visita, duración, medio de transporte utilizado ou aspectos de valoración.
Este sistema de enquisamento, pioneiro en Galicia, require simplemente que a oficina conte con acceso a Internet dende o punto de información turística. Unha vez recollidos os datos, o sistema inclúeos directamente nunha base de datos conectada ao servidor central da área de Estudos de Turismo de Galicia, responsable de procesalos. Esta fonte de información permitirá unha toma de decisións máis axustada á realidade do mercado turístico.
Coa liberación desta ferramenta, por parte da Xunta de Galicia, posibilítase que outras administracións públicas (comunidades autónomas, concellos, etc.) interesadas na análise deste tipo de información poidan reutilizar un desenvolvemento xa feito e testado, e tamén se posibilita que o propio tecido empresarial poida xerar negocio arredor da mesma.
Plan de Software Libre
A colaboración entre a Amtega e Turismo de Galicia enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta que pon á disposición da Administración Pública galega o servizo de certificación de liberación de software. A través deste servizo e co asesoramento do Centro Nacional de Referencia en materia de software libre (CENATIC), elaborouse un informe técnico e xurídico que garante a viabilidade xurídica da liberación e as condicións nas que se pode realizar.
As ferramentas foron liberadas con sendas licenzas libres, no caso da aplicación Turenquisa foi liberada cunha licencia dual EUPL (European Union Public License) e AGPLv3, mentres que o aplicativo de xestión de establecementos hostaleiros publicase con licencia GPLv3. O código fonte pode ser descargado dende as páxinas dos proxectos no repositorio de Software Libre:TurEquisa:Enquisas de turismo https://forxa.mancomun.org/projects/turenquisa/
Xestión de establecementos hostaleiros https://forxa.mancomun.org/projects/xeshostal/