12 dec 2013

Novas festas de interese turístico de Galicia

Festa da Vieira de Cambados

Festa da Anguía e a Mostra da Caña do País de Valga

Feira Franca Medieval de Betanzos

Feira Franca Medieval de Betanzos
Data: Segunda fin de semana de xullo
Lugar: Betanzos (A Coruña)

A Feira Franca Medieval de Betanzos pon en valor todo o patrimonio histórico e cultural que atesoura o núcleo histórico da vila, que durante estes días se adorna con estandartes nas rúas xunto cos postos de artesáns. A isto súmase que o mercado se complementa con numerosas actividades paralelas como torneos medievais ou exhibicións de cetraría.
Cunha grande afluencia de público, calcúlase que asisten preto de 200 voluntarios e unha media anual en cada edición dunhas 150 mil persoas. Os actos realizados durante a celebración inclúen artesanía, cómicos, xogos malabares, maxia, contacontos, tiro con arco ou representacións históricas, entre outras actividades.

Festa da Vieira de Cambados
Data: Terceira fin de semana de xullo
Lugar: Cambados (Pontevedra)

A singularidade da Festa da Vieira baséase en que se trata da única festa de exaltación deste molusco que se comercializa no porto de Tragove. Esta festa de exaltación gastronómica conta, ademais, cun amplo carácter participativo porque está organizada por numerosas asociacións. Cada ano recibe ademais un número de visitantes que supera os cincuenta mil.
Unha gran variedade de actividades desenvólvense os días de celebración e que inclúen degustacións e concursos gastronómicos, eventos deportivos como regatas de bateis, demostracións culinarias, mostras da canción mariñeira ou concentracións de embarcacións clásicas. Todos eles celebrados nun enclave de alto valor cultural, arquitectónico e patrimonial.

 

Festa da Anguía e a Mostra da Caña do País de Valga
Data: Última fin de semana de agosto
Lugar: Valga (Pontevedra)

A Festa da Anguía celébrase desde o ano 1989 e no 1991 incorporouse a esta celebración a Mostra da Caña do País. Esta festa tense convertido nun gran referente da gastronomía galega, ao que se sumou o atractivo da augardente, produto típico da zona. Múltiples actividades complementan as degustacións gastronómicas tales como un concurso de augardentes.
Porén, cómpre salientar ademais o carácter participativo desta celebración, na cal destacan as actividades levadas a cabo por colectivos e asociacións do propio concello, así como o elevado número de visitantes que acadan de media os 20 mil en cada edición. Aumenta o seu valor cultural incluíndo diversas actividades complementarias que enriquecen a experiencia de visitar a festa e descubrir a gastronomía e a enoloxía da zona.
 

 

Arriba