Reunión anual do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago que se celebrou en Compostela
Entre as actividades realizadas polo Comité durante estes anos destaca a súa función de asesoramento en relación á Ruta Xacobea, a edición de decenas de publicación científicas; a dirección e organización de congresos internacionais; a creación de novos proxectos e liñas de investigación e a realización de traballos de produción de coñecemento e promoción cultural de máximo nivel nos seus respectivos países.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, interveu na sesión de apertura do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago que celebrou na capital galega a súa reunión anual.
A directora de Turismo destacou o importante papel da actividade investigadora na promoción e difusión do fenómeno xacobeo e, sobre todo, na súa conservación para as xeracións futuras. Tamén recalcou o papel do traballo científico e a súa inclusión no Plan Director do Camiño de Santiago. Segundo dixo, o Plan será un documento con especificidades para cada unha das rutas e atenderá ao redimensionamento do Camiño de Santiago como fenómeno supranacional.
Nava Castro explicou tamén que o Plan Director servirá para que o seu desenvolvemento e crecemento se realice de forma equilibrada, sostible e respectuosa co carácter do fenómeno xacobeo. Así, a través de dous instrumentos de xestión, un Plan Director e un Plan Estratéxico, revitalizarase, promocionarase e promoverase o estudo e investigación de todas as rutas xacobeas e da súa infraestrutura, patrimonio e legado inmaterial. Tamén aludiu á relevancia da celebración de efemérides como o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago para manter vivo o espírito peregrino e para difundir o legado xacobeo. Destacou a oportunidade de poder visitar en Santiago as mostras ‘On the Road’ e ‘Peregrino e Novo Apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago’ e o feito de que a capital galega acollerá dous importantes eventos científicos: en setembro o I Congreso Internacional de Peregrinacións e Turismo e en maio o I Cumio Internacional de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.
O Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago
Na orde do día, o Comité incluíu asuntos como a aprobación das actas anteriores, a edición da revista Ad Limina, a difusión de publicacións ou a preparación de congresos.
O Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago nace en 1992 da necesidade de asesorar no campo científico e cultural á Administración Autonómica de cara ao Ano Santo de 1993. O criterio fundamental foi o de elixir entre os investigadores máis coñecidos internacionalmente en temática compostelá, algúns deles estreitamente ligados ao mundo xacobeo das asociacións de peregrinos.
A Función esencial do Comité é o de asesorar á Xunta de Galicia sobre todos os temas relacionados co Camiño de Santiago: itinerarios, publicacións, centros de estudos, congresos, exposicións, revistas, etc. Na súa primeira reunión o Comité elixiu a Paolo Caucci von Saucken como presidente, cargo que ostenta a día de hoxe. Caucci von Saucken é profesor na Università degli Studi di Perugia e presidente da Confraternita di San Jacopo di Perugia.
Na actualidade, o comité esta formado ademais por Manuel Castiñeiras González, profesor na Universidade Autónoma de Barcelona e conservador xefe do Museo Nacional d’Art de Catalunya (MNAC); Klaus Herbers, profesor na Friedrich-Alexander-Universität Erlangen-Nürberg; Fernando López Alsina, profesor na Universidade de Santiago de Compostela; Robert Plötz, profesor na Universität Würzburg e presidente da Deutschen St. Jakobus-Gesellschaft e Adeline Rucquoi, directora de Investigación no Centro Nacional de Investigacións Científicas de Francia (CNRS-EHESS, París) e presidenta da Société Française des Amis de Saint Jacques de Compostelle.
Entre as actividades realizadas polo Comité durante estes anos destaca a súa función ao servizo da Xunta de Galicia no tocante ao asesoramento en relación á Ruta Xacobea, a edición de decenas de publicación científicas; a dirección e organización de congresos internacionais e a creación de novos proxectos e liñas de investigación que se adaptan ás novas tecnoloxías e á necesidade de estar cada vez máis presentes na rede.
Ademais, editan a revista de investigación xacobea Ad Liminia, con carácter multidisciplinar e multilingüe, e realizan traballos de produción de coñecemento e promoción cultural de máximo nivel nos seus respectivos países, difundindo publicacións científicas e dirixindo teses, revistas e investigacións sobre o fenómeno xacobeo no seu territorio e idioma, ademais de crear e manter centros de estudos xacobeos no estranxeiro como o Centre d’Etudes Compostellanes de París e o Centro Italiano di Studi Compostellani di Perugia.