Compostela acolle dende hoxe o primeiro ‘Congreso internacional sobre peregrinacións e turismo’
Expertos destacados sobre peregrinacións tratarán este fenómeno histórico e cultural no I Congreso Internacional de Peregrinacións e Turismo.
O Congreso reunirá a 350 persoas dende hoxe, 17 de setembro, ata o 20 de setembro no Hostal dos Reis Católicos.
Avalado pola Organización Mundial de Turismo (OMT) conta cun total de 35 poñentes de primeiro nivel procedentes dos cinco continentes.
Expertos destacados sobre peregrinacións tratarán este fenómeno histórico e cultural no I Congreso Internacional de Peregrinacións e Turismo. O Congreso reunirá a 350 participantes dende hoxe, 17 de setembro, ata o 20 de setembro no Hostal dos Reis Católicos.
O primeiro congreso sobre peregrinacións e turismo, avalado pola Organización Mundial de Turismo (OMT), conta cun total de 35 poñentes de primeiro nivel, procedentes dos cinco continentes e de todos os ámbitos relixiosos, combinando especialistas académicos, profesionais do sector turístico, das administracións públicas relacionadas coa materia, etc. que ofrecerán no seu conxunto unha visión xeral do turismo de peregrinacións a nivel mundial. Entre outros, Adel El Gendy, Claudio Ricci, Alison Hillard, Paolo Caucci von Saucken e Marcela Bacigalupo encontraranse na capital de Galicia para deleitarnos co seu coñecemento.
O acto inaugural celebrarase hoxe mércores 17 ás 17’30 horas, coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o alcalde de Santiago, Agustín Hernández; a secretaria de Estado de Turismo, Isabel María Borrego; o secretario xeral da Organización Mundial de Turismo, Taleb Rifai; e o arcebispo de Santiago, Julián Barrio.
O xoves 18 terá lugar a primeira xornada formada por dúas sesións baixo o título “As peregrinacións como impulso ao turismo e á hospitalidade” e “A relixiosidade popular, peregrinación e turismo espiritual”. A primeira sesión é unha reflexión sobre como a peregrinación de crentes pode impulsar o turismo internacional e o desenvolvemento local. A segunda sesión, moderada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, abrirá un debate sobre os factores motivacionais das peregrinacións e o turismo espiritual. A continuación, celebrarase un xantar-coloquio, e pola tarde unha sesión monográfica sobre o franciscanismo.
A sesión do venres 19 abrirá cunha mesa sobre “O turismo de peregrinacións ante o patrimonio histórico e cultural” na que se reflexionará sobre o feito de que os lugares de culto e os santuarios atraen cada vez a máis persoas, e non só aos crentes, reforzando o papel do turismo e da conservación do patrimonio histórico e da identidade cultural na era da globalización. A outra sesión desta xornada centrarase na natureza como inspiración ao turismo e á peregrinación. Pola tarde terá lugar unha sesión sobre a sustentabilidade do turismo de peregrinacións que incluirá unha conferencia, unha presentación de estudos de caso e un debate técnico. Esta quinta sesión contará coa participación da Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que explicará o caso da peregrinación xacobea e as perspectivas contemporáneas do camiño de Santiago.
Para finalizar a sesión, a xefa do Programa, Ética e Responsabilidade Social, da OMT lerá a Declaración de Santiago de Compostela sobre Turismo e Peregrinacións, que sentará unhas pautas comúns para todas as rutas de peregrinos.
Ademais, o sábado 20 de setembro os participantes do congreso poderán disfrutar dun programa social que lles permitirá percorrer un tramo do Camiño Santiago-Fisterra e visitar a igrexa de Nosa Señora das Areas e o cabo de Fisterra.
O congreso ten como finalidade sensibilizar á comunidade internacional sobre a crecente importancia das peregrinacións e do turismo espiritual; poñer de relevo o significado histórico e cultural das peregrinacións, tanto dos seus aspectos relixiosos coma seculares; así como das rutas culturais como fenómeno universal; discutir políticas e estratexias para a salvagarda e a xestión do patrimonio ao longo das rutas e resaltar a contribución positiva das peregrinacións ao crecemento sostible, responsable e pacífico das economías e sociedades a escala global.
Dito congreso enmárcase na programación especial da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago que esténdese dende mediados do 2013 ata mediados do ano 2015 e ten como obxectivo principal impulsar a dinamización turística e cultural de Galicia a través dos significados e valores da peregrinación xacobea como a que viviu San Francisco.