13 feb 2017

O 10 de maio entrará en vigor o Decreto que regulará as vivendas de uso turístico en Galicia

O decreto define este novo tipo de aloxamento como aquelas vivendas cedidas a terceiras persoas, de xeito reiterado e a cambio de contraprestación económica, para unha estadía de curta duración e amobladas e equipadas en condicións de inmediata dispoñibilidade

Para o inicio da súa actividade, a nova norma establece simplemente a obrigatoriedade de presentar unha declaración responsable e a inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia

O obxectivo é erradicar as problemáticas vinculadas á proliferación da tendencia de alugar por días ou semanas a vivenda habitual para uso turístico

 O Diario Oficial de Galicia publicou o decreto polo que se establece a ordenación dos apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade Autónoma de Galicia que entrará en vigor o 10 de maio de 2017.

Esta nova regulación é necesaria debido a modificación realizada polo Estado en 2013 na Lei de Arrendamentos Urbanos, obrigando as Comunidades Autónomas a que exerzan a súa competencia exclusiva para a regulación de vivendas de alugueiro de uso turístico co obxectivo de cubrir o baldeiro legal ocasionado pola exclusión desta tipoloxía.

O cambio produciuse como consecuencia da proliferación, tanto a nivel nacional como internacional, da tendencia de alugar por días ou semanas a vivenda habitual para fins turísticos, que se viu favorecido polo desenvolvemento das novas tecnoloxías, dando lugar á creación de empresas que a través das súas páxinas web ofertan este tipo de aloxamentos para a súa contratación en liña dun xeito rápido e sinxelo.

O obxectivo desta nova norma, polo tanto, é erradicar as problemáticas máis relevantes vinculadas a esta actividade, como o impacto económico-social, fiscalidade e tributación, garantía, seguridade e satisfacción das persoas usuarias, calidade da oferta, molestias xeradas aos residentes e á cidadanía, intrusión ou competencia desleal, entre outras.

Así, a principal novidade deste decreto é a introdución da regulación das vivendas de uso turístico, na que se conteñen os requisitos e servizos mínimos dos que deberá dispoñer e o seu réxime de funcionamento e do exercicio da actividade.

Esta nova normativa cumpre, deste xeito, unha demanda do sector turístico, o cal manifestou en numerosas ocasións a necesidade de regular este tipo de aloxamento, debido ao seu forte impacto e á competencia desleal que supón respecto do aloxamento turístico regrado.

 

Vivendas de uso turístico

O novo decreto define as vivendas de uso turístico como aquelas cedidas a terceiras persoas de xeito reiterado –dúas o máis veces ao ano- e a cambio de contraprestación económica, para unha estadía de curta duración –inferior a trinta días consecutivos- e amobladas e equipadas en condicións de inmediata dispoñibilidade.

A cesión deste novo tipo de aloxamento turístico será da totalidade da vivenda; non se permitirá a cesión por estancias e a súa comercialización poderá ser realizada polas empresas turísticas ou polo seus propietarios.

Para o inicio da súa actividade, o decreto establece simplemente a obrigatoriedade de presentar unha declaración responsable ante a Área Provincial de Turismo de Galicia na que radique a vivenda, e procederase a continuación, sempre que a dita declaración estea debidamente cumprimentada, á súa inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia (REAT).

En canto aos requisitos e servizos mínimos, as vivendas de uso turístico deberán estar suficientemente amobladas e dotadas dos aparellos e do enxoval necesario para a súa utilización inmediata, co fin de prestar un servizo de aloxamento correcto en relación coa totalidade de prazas de que dispoñan, todo en perfecto estado de hixiene.

Así mesmo, deberán contar con calefacción en todas as dependencias de uso de clientela sempre que a temperatura ambiente o requira, número de teléfono 24 horas para a atención ao usuario turístico, servizo de asistencia e mantemento da vivenda e follas de reclamación de turismo.

Arriba