A Xunta subvenciona 220 propostas socioculturais con case 3,3 millóns de euros na segunda edición do programa O Teu Xacobeo
Esta iniciativa impulsa unha programación novidosa que potencia Galicia e o Xacobeo por parte de entidades locais, empresas e entidades sen ánimo de lucro.
Esta segunda edición recibiu máis de 900 solicitudes nas tres categorías.
Os proxectos desta segunda edición, que se executarán ata setembro, mobilizarán recursos por importe de máis de 5.8 millóns de euros.
A segunda edición do programa O Teu Xacobeo permitirá desenvolver un total de 220 propostas orientadas a dinamizar a programación sociocultural do Xacobeo 2021-22, destinando un investimento de case 3.3 millóns de euros. Trala resolución da concesión, os beneficiarios veñen de comezar a desenvolver os seus proxectos para o que contan de prazo ata o vindeiro mes de setembro, trala concesión dun adiamento por mor da covid19 co obxectivo de que poidan dispor de máis tempo para levar adiante os proxectos propostos.
Esta segunda edición de O Teu Xacobeo volveu resultar un éxito de convocatoria, con case un milleiro de proxectos presentados, que permitirán mobilizar un orzamento de 5.8 millóns de euros.
O resultado é unha programación sociocultural que está a contribuír na promoción de Galicia e, especialmente, do Xacobeo 2021, a través dun impulso descentralizador e plural que permite o desenvolvemento de actividades en todo o territorio galego. Por provincias, esta segunda edición do programa permitirá desenvolver un total de 55 proxectos na provincia da Coruña mentres que 36 terán o seu foco na provincia pontevedresa. En Lugo desenvolveranse 23 e 18 na de Ourense. Completan a programación os 74 proxectos que teñen carácter itinerante e que, polo tanto, desenvolveranse en dous ou máis concellos e os 14 que polo seu obxectivo ou desenvolvemento dixital, non poden adscribirse a ningún territorio en concreto.
Por temática, nesta nova edición destacan especialmente polo seu número os proxectos que poñen en valor o patrimonio así como os que contemplan accións respectuosas co medio ambiente. Moitos deles caracterízanse, ademais, pola súa multidisciplinariedade así como aqueles que promocionan o Xacobeo e Galicia no exterior ou con accións orientadas a perdurar no tempo ou aqueles que poñen o foco en colectivos desfavorecidos.
Proxectos sen fins de lucro, maioritarios
O programa O Teu Xacobeo inclúe tres categorías de proxectos, segundo a súa tipoloxía. Na primeira liña, dirixida a entidades locais de menos de 50 mil habitantes, concedéronse 45 proxectos aos que se lle outorga o 85% do orzamento solicitado ata un máximo de 25 mil euros por proxecto. Na liña 2, na que se encadran os proxectos de empresas privadas, concedéronse 59 proxectos cun orzamento entre 50% e 60% e un máximo de 25 mil euros por proxecto.
Finalmente, a terceira liña, na que se agrupan proxectos presentados por entidades sen ánimo de lucro, é a que agrupa o maior número de proxectos aprobados, 116, o que supón un investimento de máis de 1.7 millóns de euros para o desenvolvemento de proxectos vencellados cos obxectivos estratéxicos do Xacobeo 2021 en ámbitos e disciplinas como as artes, o patrimonio, o deporte ou o ámbito social.
Máis de 8 millóns de euros
A través deste programa a Xunta investiu nas dúas convocatorias de O Teu Xacobeo 8 millóns de euros nun total de 572 proxectos e iniciativas coas que se está a traballar nunha celebración do Xacobeo 2021-2022 que sexa máis integradora, ampla e diversa, achegando o evento a todos os recunchos de Galicia.
Cómpre lembrar que os proxectos da primeira edición que non se puideron desenvolver coa normalidade prevista por mor da pandemia contaron con facilidades para ser reprogramados. De igual xeito se fai para esta segunda edición, que se prorrogou na súa duración inicial de abril de 2021 ata setembro de 2021, con posibilidade de establecer novas prórrogas en función das condicións sanitarias.