02 xul 2020

Turismo de Galicia pon en marcha unha plataforma online para reservar praza nos albergues públicos do Camiño de Santiago

Turismo de Galicia pon en marcha unha plataforma online para reservar praza nos albergues públicos do Camiño de Santiago

A reserva realizarase a través da web alberguesxacobeo.gal, o que convivirá coa posibilidade de facelo ao chegar ao establecemento se este dispón de capacidade

O sistema facilitará as reservas desde o día anterior ata as 13,00 horas do día da pernoita, ofrecendo garantías aos peregrinos no actual contexto sanitario

Non será preciso rexistrarse, aínda que estará aberta esta opción para axilizar o proceso. Tamén será posible solicitar praza para grupos de ata cinco persoas

 
O sistema facilitará as reservas desde o día anterior.

A Xunta pon en marcha alberguesxacobeo.gal, unha plataforma online para reservar praza nos albergues públicos do Camiño de Santiago, ofrecendo así maiores garantías aos peregrinos no actual contexto sanitario. A través dela os usuarios teñen acceso a un buscador con todos os establecementos da rede pública mediante o cal poden efectuar a súa reserva e no que tamén é posible localizar os albergues en función da ruta na que estean situados.

Así pois, o sistema facilitará as reservas desde o día anterior ata as 13,00 horas do día de pernoita, o que convivirá coa posibilidade de obter praza ao chegar ao establecemento sempre que este dispoña de capacidade, facendo así compatible este sistema co espírito máis tradicional de acollida xacobea. Ademais, a través desta plataforma é posible realizar reservas para grupos de ata cinco persoas. Non é preciso rexistrarse, aínda que esta aberta esta opción para axilizar o proceso.

Para reservar a súa praza, os usuarios deben completar o seu nome, correo electrónico, data da reserva e, de xeito opcional, un teléfono de contacto. Trátase dunha iniciativa posta en marcha pola Xunta enmarcada no programa Camiño Seguro para facilitar a peregrinación na etapa poscovid-19 cunha maior certeza e seguridade.

Reapertura progresiva

En concreto, onte abriron as portas preto dunha trintena dos 70 albergues públicos –aqueles que contan con máis do 50% do total de prazas de aloxamento das que dispón o concello neste tipo de establecementos– aos que se irán sumando novas aperturas en función da demanda e a oferta. Trátase dunha decisión consensuada cos axentes implicados co obxectivo de favorecer a reactivación do sector privado tras os meses de inactividade a causa da crise do coronavirus.

Con todo, o Goberno galego, os concellos polos que discorre o Camiño e o propio sector están en contacto para que, en caso de que se detecte unha necesidade, cada establecemento retome a súa actividade de xeito inmediato, pois todos estarán preparados desde o primeiro día. En calquera caso, a previsión é que o 1 de setembro todos os albergues estean xa operativos.

Os establecementos privados dispoñen dunha capacidade máxima do 75%, mentres que nos públicos é de ata o 50% co obxectivo de fomentar a reactivación económica do sector tras os meses de inactividade a causa das restricións por mor do coronavirus. Do mesmo xeito, nos últimos días instalouse cartelería informativa coas principais recomendacións contra o coronavirus e proveuse aos establecementos de materiais de protección como xeles e solucións desinfectantes, papeleiras de pedal, luvas ou bolsas. Ademais, inutilizáronse as prazas que non serán ocupadas, instalouse sinalización indicativa para garantir as distancias nas zonas de uso compartido e restrinxiuse o uso de servizos comúns. Na posta en marcha destas medidas, o Goberno galego encárgase de dar soporte tanto aos concellos como as asociacións que xestionan unha vintena de establecementos da rede pública.

Formación a máis de 300 albergueiros

No marco do programa Camiño Seguro, nas últimas semanas impartíronse diversos cursos de formación online en materia hixiénico-sanitaria para albergueiros, nos que participaron máis de 300 profesionais, o que amosa o seu compromiso por ofrecer un servizo de calidade en espazos de seguridade. Igualmente, dispoñen dun servizo gratuíto de asesoramento. As empresas e profesionais que o precisen poden chamar ao 900 815 334 de luns a venres, de 10,00 a 14,00h. e de 16,00 a 20,00h. ou enviar un correo electrónico á info-galiciadestinoseguro@xunta.gal.

Con esta mesma finalidade, os albergues privados dispoñen dunha liña de axudas para o sector turístico, dotada con 5,9M€, que financia a adquisición de material de protección e facilita a adaptación dos negocios aos requirimentos de seguridade hixiénico-sanitaria contra a covid-19.

Acompañamento co ICTE

Ademais, a Xunta de Galicia vén traballando en colaboración co Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE), que elaborou un manual a disposición dos albergues con indicacións e recomendacións, así como protocolos de prevención. Ao longo dos vindeiros días, o ICTE prestará apoio para mellorar a experiencia do Camiño, axudando nos procesos de contención dos riscos. En cooperación cos concellos, achegará solucións para puntos como oficinas de información, áreas de descanso ou baños públicos, ademais dos propios albergues públicos, propiciando así corredores máis seguros.

 
Arriba
Axúdanos a mellorar!