A Xunta pon a Ferrolterra como exemplo da filosofía do turismo responsable, sostible e en armonía co entorno na xornada inaugural de Fitur 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presentou na xornada inaugural da 45ª Feira Internacional de Turismo, Fitur, o xeodestino Ferrolterra-Rías Altas como exemplo da filosofía do turismo slow, “un turismo responsable, sostible en harmonía co entorno”.
“Ferrolterra-Rías Altas non é só un xeodestino, é unha experiencia única que combina paisaxes espectaculares, cultura, tradición e unha forma de entender a vida que nos conecta profundamente coa nosa identidade, onde se coida a alma do viaxeiro, onde a hospitalidade e o respecto son valores fundamentais”, destacou.
Características todas elas que configuran a definición do turismo slow, un produto turístico que fomenta “unha maneira consciente e respectuosa de viaxar” e que está aliñado coa marca Galicia Destino Sostible, impulsada polo Clúster de Turismo de Galicia coa colaboración do Goberno galego.
Durante a súa intervención, Aneiros destacou as cifras rexistradas no último ano polo xeodestino Ferrolterra-Rías Altas que acadou unha ocupación media do 36,2%, chegando a alcanzar os 156.862 viaxeiros aloxados ata o pasado mes de novembro e as 327.799 noites, o que se traduce nunha estadía media de 2,09 días por visitante. Puxo en valor especialmente os números de Ferrol cidade que supuxeron algo máis da metade da demanda hoteleira do destino Ferrolterra, rexistrando unha ocupación media do 49,1%, coa que igualou o máximo histórico rexistrado en 2022.
Aneiros incidiu no respaldo da Xunta á promoción do xeodestino Ferrolterra Rías Altas a través dun convenio anual firmado coa Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol. En virtude do mesmo financiáronse accións concretas encamiñadas á creación e consolidación do produto turístico no xeodestino que van desde o ámbito web e das redes sociais a outras sobre o terreo como auditorías e homologación de aloxamentos slow, visitas teatralizadas para a promoción do patrimonio indiano ou a impresión de novo material promocional.