13 xuñ 2016

Turismo de Galicia participa en Valencia nun encontro de amigos da Cociña Galega para promocionar Galicia

A directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia, Marta Fernández, acudiu ao evento no que participaron os representantes dos 33 restaurantes de toda España que conforman a asociación

A directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), Marta Fernández, participou nunha xornada de traballo da Asociación Amigos da Cociña Galega celebrada en Valencia co obxectivo de promocionar Galicia como destino gastronómico.

Un dos obxectivos da entidade que está formada por 33 restaurantes de Galicia, Barcelona, Lleida, Madrid, Palma, Valencia e San Juan de Puerto Rico, é defender a pureza do recetario da cociña tradicional galega.

A xornada iniciouse cun percorrido polo concello de Valencia e o Museo Nacional de Cerámica e das Artes Suntuarias González Martí. Pola noite, celebrouse unha cea no Restaurante Rías Gallegas que, ademais dos membros da asociación, contou con representantes de institucións locais e rexionais.

Esta é unha das iniciativas que todos os anos organiza Amigos da Cociña Galega en cidades de toda España para intercambiar coñecementos sobre produtos, a súa importancia e a forma de obtención.

Esta entidade colabora estreitamente con Turismo de Galicia desenvolvendo demostracións gastronómicas e participando en feiras e congresos nacionais e internacionais.

Arriba