Galicia en Fitur 2024

Galicia impulsa a súa promoción anual de 2024 como destino turístico desde o 24 ao 28 de xaneiro en Madrid na Feira Internacional de Turismo, Fitur, cunha aposta por consolidarse como un destino de calidade, sustentable e diferenciado.
Os tres primeiros días -do mércores ao venres- enfócase a profesionais onde se prevé que, entre as presentacións da Xunta de Galicia e de distintas entidades se realicen preto de medio cento. Na fin de semana abrirá ao público xeral con animación a cargo de persoeiros representativos dos Entroidos e as actuacións musicais de Mondra e Ailá. Tamén participarán Lil Kids, o grupo galego de danza urbana ganador da última edición de Got Talent España.

Nesta edición, a Xunta conta cun renovado expositor temático deseñado cun alto grao de orixinalidade ao redor dos recursos ligados á auga en todas as súas vertentes. Concíbese como un conxunto que transmite a autenticidade de Galicia e fusiona vangarda e tradición no que destaca o uso dunha pantalla de leds de 25 metros de largo e emprega parámetros sostibles baseados na economía circular.
Estrutúrase en módulos dedicados á oferta turística xeral de Galicia, establecementos co selo Galicia Calidade, Q de Calidade e S de Sostibilidade. Tamén haberá un espazo para o Camiño de Santiago, o turismo termal, o turismo activo, náutico, as catro provincias galegas así como as sete grandes cidades, entre outras.

Ademais, como cada ano, os empresarios do sector turístico galego disporán dunha área específica de traballo e punto de encontro para as súas relacións comerciais.

Arriba
Axúdanos a mellorar!