05 xul 2016

O turismo internacional acada en Galicia un máximo histórico representando no que vai de ano máis do 23%

Nos primeiros cinco meses do ano, a nosa comunidade rexistrou 1.337.393 viaxeiros aloxados, incrementando a cifra do pasado ano en máis dun 6% e acadando un máximo histórico

O turismo internacional incrementou no que vai de ano nun 7,7% as súas pernoitas e nun 6,0% os seus viaxeiros acadando preto de 350.000 viaxeiros e máis de 556.000 pernoitas

Canto ao crecemento da demanda segundo as tipoloxías de aloxamento, destaca por intensidade a suba rexistrada nos apartamentos turísticos do 51%

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), no pasado mes de maio Galicia rexistrou un incremento do seu volume de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados do 2,5%, ata situarse nos 413.397. Así mesmo, subiron tamén no pasado mes as pernoitas nun 3,3%, neste caso, contabilizándose un total de 710.019 no conxunto da comunidade.

É o cuarto ano consecutivo que se rexistra un incremento da demanda turística regrada en Galicia no mes de maio o que sitúa o nivel de viaxeiros de maio do pasado mes nun máximo histórico neste quinto mes do ano e a cifra de pernoitas na máis elevada dos últimos seis anos.

A nivel estatal rexistrouse tamén un crecemento dos niveis da demanda turística regrada, do 5,1% no relativo á cifra de viaxeiros e do 9,7% no que atinxe ás pernoitas.

No que se refire aos dous grandes segmentos de mercado, neste mes de maio, tanto o nacional coma o internacional contribuíron aos bos resultados acadados neste mes.

O turismo internacional incrementou nun 5,3% o volume da súa cifra de viaxeiros e nun 9,0% as súas pernoitas. Galicia suma xa cinco anos consecutivos de incremento do turismo internacional no mes de maio circunstancia que sitúa os niveis deste 2016 en máximos históricos tanto de viaxeiros, con 172.003, como de pernoitas, con preto de 250.000 neste caso. Deste xeito, o turismo internacional representou no pasado mes de maio 41,6% do total de viaxeiros aloxados e o 35,1% de pernoitas, cifras históricas tamén para a nosa comunidade.

Neste quinto mes do ano o 91,5% da demanda turística regrada rexistrada en Galicia correspondeu aos establecementos hoteleiros porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis – que representaron o 70,5%- como ás pensións –co 21,0% neste caso-. O 8,5% restante situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne aos apartamentos turísticos –que representaron o 3,1%-, aos establecementos de turismo rural –que supuxeron o 3,7% neste caso- e aos cámpings –que representaron neste mes o 1,6% do total da demanda regrada-.

En canto ao incremento da demanda segundo as tipoloxías de aloxamento, destacan por intensidade as subas rexistradas nos apartamentos turísticos, que incrementaron en 45,1% as súas cifras do pasado ano; nos hoteis, cun crecemento do 5,6%, e nos establecementos de turismo rural, do 2,8% neste caso.

O forte crecemento rexistrado no segmento dos apartamentos turísticos situou os niveis deste ano tamén en máximos históricos con 8.545 viaxeiros aloxados e 22.271 pernoitas.

En termos de ocupación, obsérvase un comportamento positivos xeneralizado destacando a mellora rexistrada nos apartamentos turísticos, de máis de tres puntos porcentuais.

Acumulado do ano

Nos primeiros cinco meses do ano, Galicia acadou a cifra dos 1.337.393 viaxeiros, o que supón un incremento do 6,4% con respecto ao mesmo período do pasado ano. O número de pernoitas incrementouse tamén, nun 6,5% neste caso, acadando a nosa comunidade preto de 2,41 millóns de noites.

Estes incrementos permitiron que a nosa comunidade acadase en termos de viaxeiros un máximo histórico.

A nivel estatal observouse tamén unha mellora dos niveis de demanda. En concreto a cifra de viaxeiros aloxados subiu un 8,6% mentres que as pernoitas incrementáronse un 9,8%.

Os dous principais segmentos de mercado mantiveron unha tendencia positiva. O turismo nacional, sube un 6,2% no tocante as pernoitas e un 6,5% no que atinxe aos viaxeiros acadando as cifras máis elevadas dos últimos seis anos. Pola súa parte, o turismo internacional incrementou nun 7,7% as súas pernoitas e nun 6,0% os seus viaxeiros acadando máximos históricos con preto de 350.000 viaxeiros e máis de 556.000 pernoitas.

En canto ao crecemento da demanda segundo as tipoloxías de aloxamento, destacan por intensidade as subas rexistradas nos apartamentos turísticos, nos establecementos de turismo rural e nos hoteis, do 51%, 6% e 7,4% respectivamente.

En termos de ocupación obsérvase neste período melloras notables nos apartamentos turísticos –de máis de tres puntos porcentuais- e nos hoteis –modalidade que superou en 1,7 puntos o dato do pasado ano-.

Arriba