05 out 2016

O coordinador en España de Cruz Roja aborda a exclusión social no ‘Ciclo CONferencias con SOLIDARIEDADE’, impulsado por Turismo de Galicia

Baixo o título “Exclusión social, refuxiados… o traballo de Cruz Roja, hoxe”, Antoni Bruel expuxo os novos xeitos que está a adoptar a exclusión social e máis o traballo que efectúa esta organización en distintos eidos, como na crise dos refuxiados

O ciclo forma parte da programación especial impulsada por Turismo de Galicia con motivo do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia

O “Ciclo CONferencias con SOLIDARIEDADE”, que forma parte do programa especial de actividades impulsado por Turismo de Galicia con motivo do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia, ofreceu no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela unha nova sesión.

Desta vez a protagonista foi unha organización senlleira, Cruz Roja, a través do seu coordinador en España, Antonio Bruel.

No seu relatorio, baixo o título “Exclusión social, refuxiados… o traballo de Cruz Roja, hoxe”, Antoni Bruel expuxo os novos xeitos que está a adoptar a exclusión social e máis o traballo que efectúa esta organización en distintos eidos, como na crise dos refuxiados.

A conferencia constituíu, así, unha oportunidade de escoitar de primeira man o relato de dunha persoa que traballa día a día a prol dos outros en campos como a medicina, a educación, a loita contra a pobreza, a cooperación para o desenvolvemento, os refuxiados, achegándose, en fin, aos máis desfavorecidos.

Ao longo do seu transcurso, o ciclo abordou temas como a cooperación internacional para o desenvolvemento, a loita contra a exclusión, o traballo en zonas de conflito ou o desenvolvemento sustentable da man de grandes expertos representantes de prestixiosas institucións, fundacións e asociacións.

Desta maneira, as conferencias están a permitir a aproximación a experiencias de xentes e organizacións que aúnan exemplaridade e solidariedade.

Cruz Roja

Cruz Roja fundouse no 1864, e ten como obxectivo traballar coas persoas máis vulnerables, tanto no eido nacional como internacional, levando a cabo accións de carácter preventivo, asistencial, rehabilitador e de desenvolvemento, grazas esencialmente ao traballo dos seus máis de 200.000 voluntarios.

Coordinador de Cruz Roja Española desde 1994, Antoni Bruel tivo o seu primeiro contacto coa organización xa no 1974, coma voluntario en Cruz Roja Juventud.

Entre outras responsabilidades, foi membro do Consello de Cooperación Internacional, dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación; membro do Foro para a Integración Social dos Inmigrantes e Presidente da Plataforma VIH/SIDA e Desenvolvemento.

Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia

O Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia iniciouse o 8 de decembro de 2015 e estenderase ata o 20 de novembro de 2016. Este evento supón un fito histórico para o Camiño de Santiago e para a Comunidade galega xa que, por primeira vez, se abriu a Porta Santa da Catedral nun ano que non era Ano Santo.

Por este motivo, Turismo de Galicia puxo en marcha unha programación especial que inclúe todo tipo de acontecementos culturais, artísticos e sociais, actuacións de investigación, así como iniciativas relacionadas co desenvolvemento turístico e a acollida ao visitante.

Arriba