10 out 2016

Turismo difunde os produtos turísticos galegos relacionados coa natureza entre axentes británicos especializados

Sendeirismo, ornitoloxía, BTT, espazos naturais e outras actividades relacionadas co medio natural, así como o Camiño de Santiago, están entre as propostas que presentou  Galicia

A cifra de viaxeiros británicos medrou un 10,7% nos meses de xullo e agosto en relación ao mesmo período do ano 2015

Un grupo de 13 operadores turísticos británicos especializados en turismo de natureza tiveron días pasados a oportunidade de coñecer a oferta turística galega nunhas xornadas de promoción inversa que se celebraron en Cangas de Onís (Asturias).

Organizadas por Turespaña, contaron coa participación das empresas de Gran Bretaña especializadas na organización de viaxes relacionadas coa natureza Intrepid, Ramblers, Sunvil, Wildlife Worldwide, Adventures Alternative, Bird holidays, Caspin Journeys, Exodus, Explore, Far and Ride, Gourmet Birds, Headwater e Inntravel.

Nesta xuntanza profesional, Turismo de Galicia presentou os produtos máis senlleiros do destino Galicia no ámbito da natureza, relacionados cos espazos naturais, o sendeirismo, a ornitoloxía, deportes nas contornas naturais e mesmo o Camiño de Santiago.

Así, os operadores turísticos británicos especializados coñeceron a oferta relacionada coas actividades deportivas e de ocio que se poden practicar en Galicia neste ámbito, ademais de achegarse ás posibilidades que presenta a nosa comunidade autónoma no eido do aloxamento.

Turismo ornitolóxico e Centros BTT-Galicia
Neste ámbito, Turismo de Galicia ofrece como principais novidades o turismo ornitolóxico, a través do programa ‘Birding Galicia’, no que se inclúen os espazos máis destacados de Galicia para ao avistamento de aves. Así mesmo, pon tamén a disposición do visitante unha web e unha aplicación móbil para facilitar a visita ao noso país coma destino de turismo ornitolóxico.

Ademais de coñecer os espazos de interese ornitolóxico, ambos instrumentos dixitais permiten planificar a estancia no destino, con acceso a información sobre aloxamento, restauración e gastronomía, así como outras opcións de ocio próximas ao destino ornitolóxico escollido.

Por outra parte, en Cangas de Onís presentouse a rede de centros BTT de Galicia na que se inclúen as instalacións do Salnés, Portas de Galicia, O Xurés e a Ribeira Sacra como lugares especializados para a práctica da bicicleta de montaña.

Os axentes turísticos de Gran Bretaña tamén tiveron detallada información en canto ao Camiño de Santiago e as súas diferentes rutas como vía excepcional para o contacto coa natureza en todos os seus percorridos.

Demanda turística
Polo que respecta á demanda turística, con máis de 17.000 viaxeiros aloxados e 34.000 noites nos meses de xullo e agosto, o mercado británico superou nun 10,7% o nivel de demanda do mesmo período do pasado ano. Nos oito primeiros meses do ano, Gran Bretaña achegou 44.000 viaxeiros aloxados e preto de 86.300 pernoitas.

Arriba