Turismo de Galicia participou na 6th World Trails Conference na cidade xaponesa de Tottori
Esta reunión internacional xuntou a representantes das diferentes rutas do mundo para debater o desenvolvemento e a preservación das mesmas
Así, a través desta conferencia, organizacións, asociacións de rutas de peregrinación e compañías compartiron información e experiencias
Turismo de Galicia participou no congreso cun relatorio sobre a historia e valores da peregrinación a Santiago de Compostela
No que vai de 2016 chegaron xa a Galicia 1.205 peregrinos xaponeses, o que supón un incremento do 18,95% en relación ao mesmo período de 2015
Turismo de Galicia participou na 6th World Trails Conference que celebrase neste ano en Tottori, Xapón, sendo a primeira conferencia que se celebra fóra de Corea.
Esta reunión internacional xuntou a representantes das diferentes rutas do mundo para debater o desenvolvemento e a preservación das mesmas. Así, a través desta conferencia, organizacións, asociacións de rutas de peregrinación e compañías compartiron información e experiencias.
No marco do evento, tivo lugar a reunión do Comité da World Trails Network do cal forma parte o Camiño de Santiago.
Así mesmo, o congreso acolleu sesións dedicadas á saúde, ao patrimonio cultural e a natureza. Turismo de Galicia participou no mesmo cun relatorio a cargo do xefe da área de Cultura do Xacobeo, Francisco Singul, sobre a historia e valores da peregrinación a Santiago de Compostela.
Peregrinos xaponeses
En 2015, dos peregrinos que selaron a súa Compostela un total de 1.197 procederon do Xapón. Neste ano, esta cifra vai en aumento, e no que vai de 2016 chegaron xa a Galicia 1.205 peregrinos xaponeses, o que supón un incremento do 18,95% en relación ao mesmo período de 2015.