13 xan 2017

Turismo de Galicia aposta polas festas e o patrimonio natural para a 37º edición de Fitur

Nava Castro presentou  a participación da Comunidade galega neste certame turístico que terá lugar a vindeira semana, entre os días 18 e 22 de xaneiro

O stand de Galicia albergará un espazo dedicado as Festas de Interese Turístico Internacional e Nacional que acollerá diversos actos promocionais e actividades dinamizadoras

Así mesmo, albergará un módulo diferenciado que difundirá os grandes atractivos naturais da nosa comunidade con vistas a diversificar a oferta e favorecer o desenvolvemento destes enclaves de alto valor ecolóxico

O espazo galego servirá, á súa vez, de plataforma e punto de encontro para o sector cun espazo de traballo no que estará representado o Clúster de Turismo de Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou a participación da Comunidade galega na 37ª edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur, un dos certames turísticos de maior repercusión mundial que terá lugar no recinto feiral Juan Carlos I de Madrid- Ifema a vindeira semana, entre os días 18 e 22 de xaneiro.

Nava Castro explicou que o recinto galego situará a marca do turismo galego ‘Galicia, o bo camiño’, difundindo os destinos, produtos, recursos e as novidades que compoñen a oferta turística xeral da nosa Comunidade. Para isto, o stand contará con diferentes módulos expositivos dedicados a Galicia, en xeral, as Q de Calidade, as catro provincias, as sete cidades, o Camiño de Santiago, o patrimonio natural, as experiencias e os destinos Starlight. Ademais, durante os tres días dedicados aos profesionais o espazo acollerá a celebración dunha trintena de presentacións dirixidas ao sector e aos medios de comunicación.

Así mesmo, a directora sinalou que, o stand galego servirá, á súa vez, de plataforma e punto de encontro para as relacións comerciais dos empresarios do sector turístico galego, cun espazo de traballo no que estará representado o Clúster de Turismo de Galicia. “Continúamos, así, coa nosa aposta pola colaboración público-privada co propósito de seguir mantendo e aumentando a densa actividade obtida na pasada edición neste apartado profesional, no que se estableceron multitude de contactos, citas e acordos comerciais”, explicou.

Aposta polas festas e a natureza

Como novidades da presenza galega nesta nova edición, a directora de Turismo de Galicia destacou a instalación no stand dun destacado espazo dedicado ás Festas de Interese Turístico Internacional e Nacional.

Segundo explicou, este novo módulo acollerá un acto promocional para presentar todas as festas galegas que contan con esta distinción, a fin de difundir estas celebracións que abarcan diferentes temáticas para as súas edicións de 2017, así como unha presentación da Semana Santa en Galicia, na que participarán representantes das dúas celebracións de Interese Turístico Internacional, Viveiro e Ferrol, entre outras actividades.

Ademais, este novo espazo albergará accións dinamizadoras durante todos os días de celebración da feira, que inclúen un obradoiro de fibras naturais levado a cabo pola prestixiosa artesán Idoia Cuesta onde elaborará unha escultura de bimbios na que poderán participar os visitantes e a participación dunha polbeira que amosará o seu traballo en directo poñendo en valor a gastronomía galega máis tradicional.

Outra das grandes novidades deste ano, é a incorporación ao stand galego dun módulo diferenciado, promovido pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza que, baixo a marca ‘Patrimonio Natural de Galicia’, difundirá os grandes atractivos naturais da nosa comunidade con vistas a diversificar a oferta e favorecer o desenvolvemento das áreas de influencia destes enclaves de alto valor ecolóxico.

Gastronomía galega

Así mesmo, Nava Castro sinalou que o stand galego disporá dunha área de degustacións de produtos gastronómicos que será atendido por alumnos e profesores do Centro Superior de Hostelería de Galicia.

“Deste xeito, a través deste espazo presentaremos a gastronomía máis tradicional, destacando os produtos Denominación de Orixe e os establecemento galegos que contan con Estrella Michelín e Soles Repsol”, explicou.

Actividades para o público xeral

En canto ao fin de semana, os días de feira dedicados ao público xeral, Nava Castro indicou que continuarán no stand de Galicia as actividades relacionadas coas festas ampliadas con actuacións de raigame galega.

Así, segundo sinalou, esta programación especial conta coa participación da Compañía de danza Entrecaixas e o grupo musical Xosé Lois Romero & Aliboria, caracterizado pola utilización dos instrumentos galegos máis tradicionais.

Así mesmo, o stand de Galicia collerá o sábado e domingo obradoiros de instrumentos musicais galegos dirixidos aos visitantes máis pequenos.

“Con todo, o espazo galego dará a coñecer cun amplo e atractivo programa os produtos e recursos que compoñen a ampla oferta turística da nosa comunidade”, concluíu a directora de Turismo de Galicia.

Arriba