02 mai 2013

Turgalicia promociona o turismo galego na feira “Expovacaciones” de Bilbao

Turismo de Galicia participa cun stand de 160 metros cadrados que inclúe varios módulos temáticos.

Os vascos supoñen o 4% dos visitantes que recibiu en 2012 a Comunidade galega.

Turismo de Galicia promocionará o turismo galego esta semana na feira Expovacaciones de Bilbao, para difundir os valores, recursos e produtos turísticos galegos entre os cidadáns do País Vasco, un dos mercados turísticos emisores nacionais máis importantes para a comunidade galega.

Trátase dun certame de turismo dirixido ao público final que se desenvolverá dende mañá ata o día 5 de maio no Bilbao Exhibition Center, BEC, situado en Barakaldo, e que este ano chega á súa trixésimo cuarta edición.

 
Turismo de Galicia participa este ano cun stan de 160 metros cadrados que contará con módulos dedicados á oferta turística xeral de Galicia, á costa, ao interior, á montaña, ás cidades, ó Camiño de Santiago e ás experiencias turísticas que se poden vivir en Galicia.

Para amenizar a presenza galega nesta feira, durante a fin de semana, no stand de Galicia actuarán dous músicos da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC).

 
Visitantes vascos

Os vascos supuxeron o 4% dos turistas españois que visitaron Galicia o ano pasado.

Doutra parte, e de acordo cos datos do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia, os turistas vascos, con algo máis de 19.000 viaxeiros, supuxeron case o 2% no tráfico aéreo de Galicia en 2012.

Arriba