13 mai 2013

Turismo de Galicia anuncia as subvencións que pon a disposición do sector

Nava Castro anunciou que  departamento que dirixe destinará 1,5 millóns de euros a axudas dirixidas ao sector.

A directora de Turismo de Galicia resaltou a colaboración e o diálogo constante da Administración Turística galega co sector, así como a mellora nas cifras de viaxeiros e pernoitas rexistradas na oferta regrada galega no primeiro trimestre de 2013.

 

O importe global das cinco ordes de axudas ascende a 1.550.000 euros e están dirixidas á mellora de infraestruturas turísticas, á comercialización e promoción dos produtos turísticos galegos; a renovación ou mantemento dos distintivos de calidade; ao apoio para a promoción de festas de Interese Turístico de Galicia e mais á dotación de equipamento para servizos turísticos complementarios.

Nava Castro, na presentación das axudas.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, anunciou o investimento da Administración Turística galega de 1.550.000 euros en ordes de axudas dirixidas ao sector turístico de Galicia. Castro explicou que o obxectivo destas axudas é desenvolver o turismo na comunidade de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sostenibilidade, así como potenciar o turismo como factor de crecemento económico, mellorar o posicionamento do destino Galicia e crear novos produtos que posibiliten a vantaxe competitiva e permitan desestacionalizar a demanda. Froito do diálogo e o consenso co sector, así como da análise das necesidades e da decisión de impulsar aqueles aspectos nos que o destino Galicia é competitivo, Turismo de Galicia concede estas subvencións ao sector turístico galego, segundo explicou a directora de Turismo.

 

Nava Castro recalcou tamén a aposta do Goberno galego por este sector. “A implicación da Xunta de Galicia por conquerir un diálogo permanente co sector turístico así como o traballo conxunto na elaboración do Plan Integral do Turismo de Galicia, que será a nosa folla de ruta a seguir nos vindeiros catro anos e a oito anos vista, está a poñer de manifesto que Galicia é a Comunidade Autónoma do Estado que máis aposta polo turismo”, dixo.

 

Segundo explicou, “para isto, propuxemos a formación dunha nova figura, o Clúster de Turismo de Galicia”. “o clúster será a ferramenta para posicionar Galicia nos mercados como destino diferenciado a través do traballo conxunto da Administración e do sector”, explicou Nava Castro. Segundo dixo, froito desta aposta pola calidade e a diferenciación, os últimos datos turísticos revelan un incremento das pernoitas no mes de marzo nos establecementos extrahoteleiros do 49% e un aumento dos viaxeiros do 18,7% a respecto do mesmo mes do ano pasado. No conxunto de establecementos regrados a suba neste mesmo período foi do 15,8% para os viaxeiros e do 15,4% para as pernoitas rexistradas. Do mesmo xeito, os datos trimestrais revelaron unha suba dos viaxeiros aloxados nos establecementos extrahoteleiros galegos do 9,1% e do 21,5% nas pernoitas en comparación cos primeiros tres meses de 2012.
Así mesmo, destacou a aposta da Xunta polo Turismo de calidade poñendo de manifesto as cifras de distintivos Q de Calidade Turística. Galicia foi a comunidade que este ano aumentou máis a súa cifra de distintivos, liderando sectores como turismo rural, balnearios, instalacións náutico-deportivas, turismo activo, lecer nocturno ou turismo industrial.

 

As axudas que se presentaron están dirixidas a mellora de infraestruturas turísticas en establecementos hoteleiros do Grupo 1, albergues turísticos; empresas de servizos turísticos complementarios e restaurantes. Tamén se dirixen a establecementos hoteleiros, apartamentos e vivendas turísticas, turismo rural, acampamentos de turismo, axencias de viaxes, cafeterías, bares, restaurantes e empresas de servizos turísticos complementarios nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE ao obxecto da obtención e/ou mantemento da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española.

 

A terceira das ordes orientouse ás axencias de viaxes para a comercialización e promoción do destino Galicia a través da creación de paquetes turísticos cos produtos cabeceira da marca turística de Galicia. Do mesmo xeito, sacouse unha orde de subvencións a Concellos para apoio, promoción e difusión de Festas declaradas de Interese Turístico de Galicia. A quinta das ordes de axudas vai dirixida ás entidades privadas para incentivar o turismo mediante a dotación de equipamento para servizos turísticos complementarios.

 

A directora de Turismo de Galicia explicou que estas ordes obedecen á “aposta pola calidade, a diferenciación a través do incentivo para crear novos produtos e para dotar dos mellores servizos e instalacións á nosa oferta turística”. Tamén incidiu en que as ordes contemplan discriminación positiva para os establecementos e empresas situados nas provincias do interior; para aqueles establecementos que primen a accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida así como o acceso para persoas con diversidade funcional; o feito de que poidan acreditar unha distinción en Calidade ou ben en xestión medioambiental ou eficiencia e aforro enerxético e tamén, no caso dalgunhas ordes, se prima a orientación da oferta ao público familiar ou a incidencia na desestacionalización, así como a innovación e a creatividade.

Arriba