20 mai 2013

Turismo de Galicia asina convenios co sector para fomentar a calidade turística

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinou onte cinco convenios con asociacións de turismo rural, axencias de viaxes, hostelería, restauración, lecer nocturo, turismo enolóxico e instalacións náutico deportivas.

 

Do mesmo xeito, Turismo de Galicia ven de publicar unha orde de axudas específica dirixida aos establecementos turísticos para implementar as correspondentes normas UNE para a obtención ou mantemento do distintivo Q de Calidade Turística.

Nava Castro e Carmen Pita, no acto de sinatura.

A directora de Turismo de Galicia asinou onte cinco convenios entre Turismo de Galicia e as asociacións do sector para a difusión e promoción da marca Q de Calidade Turística. A Administración Turística galega asinou convenios coas asociacións empresariais do sector das axencias de viaxes, establecementos hoteleiros, servizos de restauración, lecer nocturno, turismo rural, instalacións náutico-deportivas e turismo enolóxico, que se enmarca no turismo industrial.

 

Segundo manifestou Nava Castro, “o apoio da administración autonómica pola calidade é absoluto e proba diso é que, ademais da sinatura destes convenios, Turismo de Galicia continúa realizando as funcións de Delegación Territorial do ICTE na nosa Comunidade e neste mesmo mes publicamos no Diario Oficial de Galicia unha orde específica de subvencións dirixida aos establecementos turísticos para implementar as correspondentes normas UNE que conducen á obtención ou mantemento da certificación da marca Q de Calidade Turística do ICTE”.

 

Xunto a esta orde presentáronse outras axudas dirixidas á mellora das infraestruturas turísticas dos establecementos de aloxamento e restauración, a dotación de equipamento para empresas de servizos turísticos complementarios e orientadas ás axencias de viaxes está a subvención para a comercialización e promoción do destino Galicia. Estas ordes contemplan discriminación positiva para as empresas que poidan acreditar unha distinción en calidade ou ben en xestión medioambiental ou eficiencia e aforro enerxético entre outras características.

 

Traballo en equipo


Nava Castro incidiu en que “na procura da calidade deben estar inmersos todos os axentes implicados, é un traballo de equipo”. “A Xunta de Galicia é a Comunidade do Estado que máis aposta polo sector turístico e Turismo de Galicia aposta pola calidade”, sinalou. Tamén indicou que Turismo de Galicia está “satisfeito porque as empresas privadas do sector turístico galego traballen nesta dirección facendo de Galicia un referente no Estado”. Galicia foi a comunidade que máis distintivos Q de Calidade Turística obtivo o ano pasado.

 

Nava Castro explicou que as múltiples posibilidades do usuario turístico á hora de elixir un destino fan que o mercado turístico actual sexa moi competitivo. Segundo dixo, apostar pola calidade implica diferenciación e valor engadido e sitúa ao destino que se identifica como tal nunha posición de maior privilexio.

 

Do mesmo xeito, a directora de Turismo comentou que a Q de Calidade Turística é un distintivo español cun gran recoñecemento internacional o que fai que aporte prestixio, fiabilidade e rigorosidade ás empresas e servizos que a posúan. “Este recoñecemento viene dado polas súas estritas auditorías que aseguran que a prestación do servizo ten garantía de calidade, seguridade e profesionalidade”, recalcou.

 

Nava Castro comentou tamén que entre os beneficios mais salientables que posúe a certificación das empresas coa marca Q de Calidade Turística é que garante a calidade dos produtos e servizos que ofrece, incrementa os clientes porque incide na fidelización dos mesmos. E engadiu que, a nivel interno, a implantación de prácticas de calidade motiva ao persoal, optimiza os recursos e diminúe os custes, ademais de ser unha valor engadido na promoción do establecemento.

 

A directora de Turismo amosou o apoio de Turismo de Galicia ao compromiso pola calidade das 247 entidades galegas certificadas no 2012. Con elas, Galicia foi a única Comunidade Autónoma de España, xunto con A Rioxa, que experimentou un balance positivo na cifra de distintivos Q obtidos no 2012, cun incremento do 5,56% con respecto ao ano anterior.

 

Galicia é a comunidade líder en distintivos Q de Calidade Turística nos sectores de Turismo Rural; Balnearios; Instalacións náutico-deportivas, a metade das distinguidas en todo o Estado están en Galicia; e en Turismo Activo, co 46,2% das empresas ou servizos distinguidos de España. Ademais, Galicia é a primeira Comunidade Autónoma en certificacións de Lecer Nocturno, todas as distinguidas están en Galicia. A nosa comunidade ocupa tamén o primeiro posto en certificacións vinculadas ao Turismo Industrial. 9 das 11 adegas certificadas están en Galicia.

 

As entidades que asinaron convenios hoxe con Turismo de Galicia para o fomento da calidade turística do destino Galicia foron a Asociación Galega de Axencias de Viaxes (AGAVI); a Asociación Provincial de Axencias de Viaxes (AVIPO); a Confederación de Empresarios de Hostelería de Galicia (CEHOSGA); a Federación Galega de Turismo Rural; Pazos de Galicia; a Asociación Galega de Turismo Rural (AGATUR); A Asociación de Clubes Náuticos de Galicia (Asnauga); e mais a Asociación Ruta do Viño Rías Baixas e a Asociación Ruta do Viño do Ribeiro.

 

Entre os obxectivos de Turismo de Galicia está o desenvolvemento do turismo na comunidade de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade; así como a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a través da mellora da competitividade das empresas turísticas e a valorización dos recursos turísticos.

Arriba