20 mai 2013

Galicia prepara unha ambiciosa programación para conmemorar a peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago

O titular do Goberno galego e o Ministro General da Orde Franciscana, o Pai José Rodríguez Carballo, asinaron o Protocolo Xeral de Colaboración entre a Xunta de Galicia e a Orde Franciscana.

 

Feijóo cre que a posible visita do Papa Francisco sería a “guinda” a este calendario de eventos e di que “é unha aspiración ambiciosa e moi difícil, pero non imposible”.

O presidente Feijóo e o ministro xeral da Orde franciscana.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e o Ministro General da Orde Franciscana, o Pai Carballo, asinaron recentemente en Santiago o Protocolo Xeral de Colaboración entre a Xunta e a Orde Franciscana, co obxecto de renovar, segundo destacou Feijóo, a tradición peregrina de Galicia cunha ambiciosa programación para conmemorar a peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

 

Durante a sinatura do protocolo, o presidente autonómico incidiu en que se trata non so de eventos puntuais senón de deseñar unha programación ambiciosa que incluirá actividades culturais, sociais, artísticas, musicais, proxectos didácticos e de investigación; unha folla de ruta completa que permita, tres obxectivos ata o próximo 2014: converter o oitavo centenario de San Francisco de Asís nun elemento de dinamización turística; reforzar as relacións entre Asís e Compostela; e encontrar no exemplo de San Francisco de Asís unha referencia de futuro, “que nos permita reeditar no século XXI e en todos os ámbitos humanos, desde o político e económico ao social e cultural, a renovación da sociedade que el sempre predicou coa súa traxectoria”.

 

No tocante ao primeiro obxectivo, Feijóo destacou o incremento da afluencia de visitantes a Compostela nos primeiros meses deste ano, con 30.000 peregrinos que selaron a súa Compostela, un 8% máis que o pasado ano por estas datas. E lembrou, amais, que tanto Asís como Santiago de Compostela son dúas cidades santuario que forman parte do Patrimonio Mundial e dúas cidades de peregrinación “a dous dos itinerarios máis representativos: o que conduce a Roma e o que desemboca, aquí, en Compostela”.

 

Durante a súa intervención, o titular da Xunta recoñeceu que a posible visita do Papa Francisco sería a “guinda” a esta programación; “unha aspiración –dixo- ambiciosa e moi difícil, pero non imposible”. E, neste senso, afirmou que a comunidade galega conta, ademais do cariño e o interese do Papa cara a Galicia, co mellor embaixador que nunca tivo ante o Papa, o Pai Carballo, que a partir do próximo sábado será un dos seus máis estreitos colaboradores.

 

Feijóo expresou o desexo de que a celebración do oitavo centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago sirva para que a Súa Santidade e moitos outros camiñantes, sintan a mesma chamada que millóns de peregrinos ao longo da historia.

 

Entre as actividades programas, Feijóo destacou as exposicións itinerantes acerca da figura de San Francisco que irán percorrendo o camiño entre Asís e Santiago; así como tres encontros internacionais de gran relevancia para consolidar a posición de Compostela como centro de peregrinacións: o Congreso de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, que reunirá por primeira vez ás asociacións xacobeas de todo o mundo; o Congreso internacional do Franciscanismo; e o Congreso internacional de Peregrinacións e Turismo, que se desenvolverá en colaboración coa Organización Mundial do Turismo.

 

O presidente do Goberno galego precisou que a estes eventos iranse sumando, nas próximas semanas, outros acontecementos que se levarán á Comisión de Seguimento creada xunto co Ministerio de Hacienda e o Consorcio de Santiago, para que, de cara ao mes de agosto –data na que comeza oficialmente a celebración- estea xa todo listo e preparado.

 

Beneficios fiscais para as empresas patrocinadoras


Así mesmo, confirmou que a Xunta xa ten iniciado conversas a efectos de patrocinio con distintas empresas. E, neste sentido, resaltou que as empresas interesadas en apoiar esta celebración contarán con beneficios fiscais, podendo aplicar unha dedución na cota íntegra do Imposto de Sociedades do 15% dos gastos de publicidade e propaganda ata un límite do 90% da doazón efectuada. A duración do programa de deducións será desde o 1 de xullo de 2013 ata o 30 de xuño de 2015.

 

Feijóo concluíu a súa intervención afirmando que este acordo de colaboración dá continuidade á fértil colaboración entre o ámbito civil e eclesiástico “que, tan bos resultados ten dado Xacobeo tras Xacobeo”; e proba a implicación das distintas administración para sacar todo o potencial a este evento, “como se ten demostrado –lembrou- ao outorgarlle a consideración de Acontecemento Excepcional de Interese Público, que a Xunta propuxo e que posteriormente o Goberno central aprobou”.


Entre as actividades xa programadas destacan as seguintes:

 
Ano 2013:

1.- Peregrinación da cidade de Asís a Santiago.- iniciarase o 2 de agosto, con paradas nas cidades más destacadas como Siena, Lucca, Xénova, Arles, Toulouse, Jaca, Puente la Reina, Burgos, León, Astorga, O Cebreiro, Sarria e Santiago. Nelas celebraranse exposicións, conferencias, concertos e encontros de carácter cultural e turístico.

 

2.- Exposición "Peregrino e Novo Apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago".- do 22 de agosto ao 20 de outubro, no Palacio Bonacquisti de Asís. Esta exposición reflectirá o legado franciscano na ruta xacobea.

 

3.- Exposición Nel segno del Tau e della Conchiglia. Da Assisi a Santiago sulleorme de San Francesco.- exposición fotográfica que ilustrará o percorrido entre Asís e Santiago, destacando os lugares, recordos e signos franciscanos e de peregrinación ao longo do Camiño. Está exposición percorrerá Asís, Siena, Lucca, Jaca, Plamplona, Logroño, Burgos, León e Santiago, entre agosto de 2013 e agosto de 2014.

 

4.- San Francisco e o Belén.- baseada na tradición da historia do Belén, esta exposición relata a representación do primeiro Belén vivinte da historia da cidade italiana de Greccio, na Noiteboa de 1.223, representado por San Francisco. Entre novembro e decembro de 2013 realizarase unha exposición internacional de Beléns así como un concurso e unha representación litúrxica do nacemento.

 
Ano 2014:

No ano central da celebración do VIII Centenario de San Francisco no Camiño de Santiago, organizaranse entre outros actos:

 

1.- Exposicións, como “Peregrino e novo Apóstolo”, que poderá verse en Santiago nos meses de verán; ou “San Francisco nas Pedras do Camiño”, exposición itinerante da colección de Natalio Saludes.

 

2.- Concertos de música sacra nos conventos franciscanos de Galicia; festival de corais; Misa Galega do Padre Manuel Feijoo; Musica in Peregrinatia proposta por Maximino Zumalave, en Asís, Le Puy e Santiago; e xira de concertos de Guitarra Clásica Galega.

 

3.- Creacións artísticas e literarias como a tradución a lingua galega das “Florecillas” de San Francisco.

 

4.- Publicacións: monografías, catálogos de exposicións, actas de congresos, folletos, carteis ou a edición dun cómic sobre a peregrinación de San Francisco e do Camiño de Santiago para os máis pequenos.

 

5.- Ciclo de cine franciscano, coas principais obras cinematográficas inspiradas na figura de san Francisco, e baixo a dirección de figuras de renome como Roberto Rosselini ou Liliana Cavani.

6.- Proxectos de orientación didáctica e popular.- convocatoria a nivel nacional dun Concurso de debuxo/redacción sobre San Francisco de Asís e o Camiño; e campamentos escolares no Monte do Gozo.

 

7.- Congresos e encontros internacionais:

 

-I Encontro de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.- en outubro de 2014. Por primeira vez celebrarase en Santiago un encontro de Asociacións Xacobeas de todo o mundo.

-Congreso internacional de Franciscanismo.- en abril de 2014.

 

-Congreso Internacional de Peregrinacións e Turismo.- en colaboración coa Organización Mundial de Turismo.

 

8.- Nas artes escénicas: xira de Nova Galega de Danza.

 

9.- Artesanía e gastronomía: circuíto de Artesanía de Galicia polo itinerario franciscano galego; xornadas itinerantes de gastronomía conventual; mostras para promocionar o viño galego nos espazos franciscanos e catas.


10.- No ámbito do deporte farase, entre maio e xuño, unha peregrinación marítima Xénova-Galicia en colaboración con Portos de Galicia e a Asociación de Clubs Náuticos.

 

11.- Noutros ámbitos, celebrarase, entre os meses de maio e outubro, un encontro en Santiago de países representativos das distintas peregrinacións: “Peregrinacións do Mundo”, con exposicións, conferencias, gastronomía e música.

Arriba