04 abr 2014

Accións promocionais do destino Galicia en Barcelona e Portugal

A oferta turística galega presentóuse en Portugal, dentro da feira Mundo Abreu, un certame turístico organizado en Lisboa polo operador turístico Viaxes Abreu no que participaron os axentes da compañía e varios destinos turísticos convidados, entre eles Galicia.

Viaxes Abreu é o principal operador turístico de Portugal e cada ano organiza unha feira para presentar as novidades da propia compañía no ámbito das viaxes turísticas e algúns destinos destinos turísticos teñen a posibilidade de presentar a súa oferta ao público que asiste a este certame. A pasada fin de semana asistiron máis de 130.000 persoas, moitas das cales mercaron as súas vacacións atraídas polas ofertas e descontos que se ofrecen no certame.

Galicia estivo presente cun recinto aberto ao público a través do que se difundiu a oferta turística galega facendo fincapé nas posibilidades para Semana Santa e o verán.

Por outra parte tamén durante a pasada fin de semana Turismo de Galicia participou na XXIII edición do Salón Internacional de Turismo de Cataluña (SITC) que se celebrou no recinto da Fira de Barcelona.

O SITC é unha das plataformas turísticas máis importantes da oferta e os servizos turísticos no ámbito nacional e un importante reforzo para a promoción do turismo galego en Cataluña por ser un dos principais mercados para Galicia dentro de España.

Arriba